O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia. Foi creado oficialmente o 2 de xullo de 1999. Conta actualmente cun equipo de máis de 130 persoas, entre persoal científico, técnico, de administración e xestión.
O labor investigador está enfocado nas áreas da Física de Altas Enerxías, Física de Astropartículas e Física Nuclear, nas que o persoal investigador do IGFAE se sitúa nos máis altos estándares de impacto, excelencia, liderado e éxito internacional, tanto na vertente teórica como na experimental destas disciplinas.
Neste sentido, o Instituto acumula unha longa traxectoria de participación nalgunhas das meirandes instalacións experimentais no ámbito da Física, como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN (situado na fronteira entre Francia e Suíza), o Observatorio Pierre Auger (Arxentina), o acelerador GANIL (Francia) ou GSI / FAIR (Alemaña), ou a colaboración LIGO para o estudo das ondas gravitacionais.