O alumnado de 2º de bacharelato interesado na física e no mundo da investigación ten una cita inesquecible o próximo venres 3 de marzo: a Masterclass “Física de Partículas coas mans”. A xornada organizada polo IGFAE persegue dar a coñecer o día a día da investigación en física de partículas, visibilizar o traballo punteiro que se desenvolve dende Santiago de Compostela e espertar futuras vocacións científicas entre o alumnado.

A masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha práctica en grupos de identificación de eventos ‒colisións de partículas‒ cuxos resultados serán discutidos mediante videoconferencia co CERN e con outros institutos europeos que organizan simultaneamente unha xornada idéntica.

Debido ao éxito de edicións anteriores, este ano ampliamos prazas ata 100 estudantes de 2º bacharelato. Poderán participar dúas persoas por centro, ademais do docente se o desexa aínda que non é obrigatorio. Para asistir hai que encher o formulario de inscrición ata o venres 17 de febreiro ás 23:59 horas. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada ata completar capacidade.

Na última edición, 69 estudantes ‒dos que o 46% foron rapazas‒, participaron nesta xornada promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN e Fermilab que se celebra en máis de 220 lugares de 55 países con máis de 13.000 participantes en todo o mundo.

Información e inscricións: http://igfae.usc.es/masterclass/