Database Search
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

17.10.2025

Neutron Insights, spin-off do IGFAE, recoñecida coa mellor iniciativa innovadora no V Premio Cámara de Comercio-Ence

O equipo de Neutron Insights, no acto de entrega do premio.
O equipo de Neutron Insights, no acto de entrega do premio.

A spin-off Neutron Insights, nacida ao abeiro da investigación e innovación desenvolvidas no IGFAE, recibiu este mércores o recoñecemento á mellor iniciativa empresarial no ámbito da innovación para o sector forestal, no marco do V Premio Cámara de Comercio-Ence, que se celebrou onte no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.

O galardón foi outorgado ao Proxecto CORNEA (Cosmic Ray NEutrons for Agriculture), que desenvolve un sistema de medida da humidade dos solos a través de raios cósmicos, o que ten un importante potencial en aplicacións agrícolas e forestais. Tal e como destaca o cofundador e CEO de Neutron Insights, Pablo Cabanelas, o proxecto “desenvolve unha solución orientada a mellorar a xestión integral da auga no sector agrícola e forestal a través dun sensor de neutróns cósmicos para a medición precisa e non invasiva da humidade e outros compoñentes do solo”.

Na súa intervención, Cabanelas salientou que o sistema CORNEA, actualmente nas súas fases finais de produción, constitúe un claro exemplo de como o coñecemento xerado durante anos no ámbito académico “pode – e debe – ser transferido ao tecido industrial e empresarial, xerando un importante retorno económico”. Así mesmo, puxo en valor a aposta da Cámara de Comercio e de ENCE por iniciativas como esta, que promoven a innovación e fomentan o espírito emprendedor.

Pablo Cabanelas, cofundador de Neutron Insights, recibe o galardón de mans do presidente da Cámara de Comercio, José García Costas. Foto: Xunta de Galicia.

Pablo Cabanelas, cofundador de Neutron Insights, recibe o galardón de mans do presidente da Cámara de Comercio, José García Costas. Foto: Xunta de Galicia.

No acto tamén se recoñeceron diversos traballos de final de máster, final de grao e de ciclo superior de Formación Profesional nas universidades e centros educativos galegos.

O V Premio Cámara de Comercio-Ence foi impulsado pola Convocatoria 2024 do Plan Social Ence Pontevedra, e ten por obxectivo identificar, difundir e promover a innovación no sector forestal a través do recoñecemento de proxectos innovadores de alto impacto que sirvan de exemplo e estímulo para a sociedade. Está convocado pola Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, a Escola de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, a Agrupación industrial da Madeira e a Asociación Sectorial Forestal Galega.

Sobre Neutron Insights

A base sobre o que se asenta o ‘know-how’ de Neutron Insights é a experiencia en instrumentación en física nuclear e de partículas e as súas aplicacións, desenvolvidas nos últimos lustros nos laboratorios no IGFAE. Partindo deste labor, a spin-off aborda retos para diversos sectores industriais, con tecnoloxías de inspección e ensaios non destrutivos de alta precisión en materiais, sistemas de detección temperá de focos de ignición (para incendios forestais, industriais ou para vixilancia de infraestruturas), así como no desenvolvemento de sensores de humidade dos solos en tempo real a partir da detección de neutróns cósmicos, como é o caso do proxecto CORNEA.

Este novo premio súmase a outros recoñecementos acadados polo equipo de Neutron Insights, como o Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría de Idea Emerxente ou a selección no programa da aceleradora ViaGalicia. Nos seus inicios, o proxecto recibiu tamén o apoio do programa Argos da USC, o que supuxo un importante pulo.