Database Search
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

16.09.2025

A ciencia sae á rúa o 26 de setembro na quinta edición da G-Night

O vindeiro venres 26 de setembro, Galicia celebrará a súa quinta edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. Este evento de divulgación científica, que se desenvolve simultaneamente en centos de cidades de toda Europa baixo o paraugas da European Researchers’ Night, ten lugar cada último venres de setembro e busca achegar a ciencia á sociedade de maneira accesible e participativa. Ao longo da tarde e da noite, as sete principais cidades galegas –A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo– converteranse en escenarios para a ciencia, con actividades abertas ao público que inclúen obradoiros, experimentos, andainas, charlas, exposicións e feiras científicas.

A iniciativa está coordinada pola Universidade de Vigo, á fronte dun consorcio no que participan as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit) e outros centros de investigación galegos como o IDIS e CITMAga (dos que tamén forma parte a USC), INIBIC e CESGA. Nesta ocasión, a G-Night desenvólvese como evento asociado ao proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e contando co apoio da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

O IGFAE estará presente na G-Night como parte dos obradoiros que terán lugar no claustro do Colexio de Fonseca de 18.00 a 21.00 horas. O persoal do centro ofrecerá diversos xogos e actividades para descubrir as compoñentes básicas de toda materia o que coñecemos. Por unha banda, poderemos observar o rastro que deixan algunhas partículas, a priori invisibles, a través de diversos detectores. E, por outra, poderemos construír, dunha forma amena, algúns núcleos atómicos, átomos e moléculas, combinando diferentes tipos de quarks e electróns, mediante o kit ‘A materia peza a peza’.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.

O centro foi acreditado en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.