Armin Linke
Instrumentos de Visión
EXPOSICIÓN DO INSTITUTO GALEGO DE FÍSICA DE ALTAS ENERXÍAS [IGFAE] E ARTS AT CERN
-
Lugar
Igrexa da Compañía de Santiago de Compostela
-
Data
21.06.2024
21.09.2024 -
Visitas guiadas
19.00 a 20.00
25 de xuño
16 e 23 de xullo
20 e 27 de agosto
19 de setembro
Reserva a túa praza -
Horario
Martes a sábado
11.00 -20.00 -
Acceso
Entrada libre e gratuita
● Co gallo do 25º aniversario do IGFAE [Instituto Galego de Física de Altas Enerxías] e os 70 anos da fundación do CERN, ámbalas dúas institucións únense para fomentar novos modos de encontro entre arte e ciencia baixo o apreixo da Igrexa da Universidade. Esta exposición, comisariada por Mónica Bello, responsable de Arts at CERN, reúne fotografías do artista Armin Linke realizadas, nas últimas décadas, durante as súas visitas a grandes instalacións experimentais, como a Organización Europea de Investigación Nuclear [CERN]
Instrumentos de visión é unha exposición do artista Armin Linke, que poderá verse na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela do 21 de xuño ao 28 de agosto de 2024. A mostra está conformada por 16 obras, e compila a observación do traballo científico que, desde hai máis de dúas décadas, Armin Linke realizou en distintas instalacións experimentais de física de partículas.
Nestas imaxes, Linke mostra como a colaboración científica internacional conseguiu xerar complexísimos instrumentos que permiten observar e entender o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia. As lecturas destas fotografías enriquécense e singularizan no contexto dunha igrexa barroca, convidándonos a reflexionar sobre as conexións entre ciencia, cultura e sociedade.
Para este proxecto, Armin Linke incorporou unha serie de obras que reflicten o traballo realizado polo persoal do IGFAE, presente nalgunhas das máis importantes colaboracións científicas internacionais, como os laboratorios da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN). Instrumentos de Visión conmemora o 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN.















Actividades relacionadas
No marco desta exposición, o IGFAE programou unha serie de actividades que se iniciarán o sábado 22 de xuño, coa conversa A ciencia e a condición contemporánea, que terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O artista, Armin Linke, estará acompañado por Mónica Bello, comisaria da exposición e directora de Arts at CERN, e Carlos Salgado, director do IGFAE.
Durante o período de apertura da exposición, tamén se organizarán varias visitas guiadas, que terán lugar os días 25 de xuño, 16 e 23 de xullo, 20 e 27 de agosto e 19 de setembro. Requírese rexistro previo, neste formulario.
Armin Linke (Milán, 1966) é un artista que traballa coa fotografía e o cinema, poñendo en marcha procesos que cuestionan o medio, as súas tecnoloxías, as súas estruturas narrativas e complexidades dentro de estruturas sociopolíticas máis amplas. As súas obras funcionan como ferramentas para desmitificar diversas estratexias e linguaxes do deseño.
A través dun achegamento colectivo xunto a outros creativos, investigadores e científicos, as narrativas das súas obras expándense en múltiples discursos, centrándose en cuestións relativas á instalación e a exposición. As obras de Linke foron expostas no panorama internacional. Entre elas, a súa instalación Alpi obtivo o premio especial na Bienal de Arquitectura de Venecia (2004) e Image Capital foi recoñecida co Kubus Sparda Art Prize (2019).
As súas exposicións individuais máis recentes inclúen: Image Capital (con Estelle Blaschke) en itinerancia en Centre Pompidou (París), Deutsche Börse Photography Foundation (Eschborn/Frankfurt), MAST (Bolonia) e Museum Folkwang Essen; Earth Indices. Processing the Anthropocene (con Giulia Bruno), na Haus der Kulturen der Welt de Berlín (2022); e Blind Sensorium, en Matadero, Madrid (2021) e o Museo Archeologico Nazionale Domenico Ridola, Matera (2019).
Armin Linke foi investigador asociado do programa de Artes Visuais do MIT; profesor convidado na Universidade de Artes e Deseño IUAV de Venecia; profesor de fotografía na Universidade de Artes e Deseño de Karlsruhe, artista en residencia na KHI de Florencia e artista convidado no CERN. Actualmente é profesor na Academia de Belas Artes de Múnic e profesor convidado na ISIA de Urbino.

Durante o último século, a ciencia moldeou profundamente o noso mundo. Os avances técnicos, xunto cos desenvolvementos científicos como a relatividade e a mecánica cuántica, revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia. Esta evolución estivo guiada por unha forte énfase na experimentación e polo desenvolvemento de complexos instrumentos de visión. Ademais, a interconexión da ciencia e a cultura experimental do laboratorio fomentaron unha intricada relación entre experimentación, lóxica e coñecemento científico, dando forma á definición actual da natureza.
Instrumentos de Visión é unha exposición que busca afastarse dun contexto convencional para afondar nas dinámicas da cultura dos laboratorios de física de partículas. O artista Armin Linke foi convidado a intervir o espazo da Igrexa da Universidade, co fin de promover unha reflexión sobre o tramado da vida de laboratorio e as dinámicas moldeadas pola experimentación científica. Linke convídanos a observar e participar no proceso de investigación, entrando nos seus espazos, concepcións e, en última instancia, reflexionar sobre o seu impacto na comprensión do mundo.

Por máis de dúas décadas, o artista retratou os espazos de investigación do CERN, e recentemente, foi convidado a trasladar a súa práctica ao IGFAE. Desta maneira, a exposición ten lugar no marco da celebración dos setenta anos da fundación do CERN, e os vinte e cinco anos do IGFAE. As imaxes capturadas por Linke amosan a fascinación contemporánea pola ciencia, á vez que recoñecen que é nestes espazos de investigación onde o mundo é examinado a través da lente da obxectividade científica. No marco da contorna barroca da Igrexa da Universidade, sorprende atoparse coas fotografías científicas de Linke, nun escenario singular e único.
Instrumentos de Visión reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio. A través da súa representación, Linke alude ao feito de que a ciencia é ante todo un “proceso de composición” no que múltiples elementos se reúnen para dar forma á comprensión contemporánea do mundo.

Mónica Bello é comisaria e historiadora da arte e responsable de Arts at CERN. Desde este rol supervisa as iniciativas artísticas do laboratorio, dirixindo o deseño e a implementación dos diversos programas artísticos, residencias, producións artísticas e exposicións. Desde 2015 encárgase das colaboracións internacionais con institucións culturais e científicas, co fin de promover encontros innovadores entre a arte e a ciencia. Como comisaria, recentemente desenvolveu a exposición inaugural de CERN Science Gateway, Exploring the Unknown (2023); Dark Matters, en Science Gallery Melbourne (2023); ou Perpetual Motion, para o Pavillón de Islandia da Bienal de Venecia (2022). Actualmente, prepara a exposición Visiones Cuánticas para Tabakalera (Donostia) que inaugurará en 2025. Antes da súa chegada ao CERN, Bello foi directora artística de VIDA (2010-15), un programa internacional dedicado á arte e a tecnoloxía da Fundación Telefónica.

É un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Desde os seus inicios, o persoal do IGFAE participou nalgunhas das maiores instalacións experimentais do mundo, como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN.
O traballo científico do IGFAE e a súa proxección internacional outorgáronlle, en dúas ocasións, o recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. É, ata o momento, o único centro galego que obtivo este prestixioso selo. O IGFAE conta tamén coa acreditación de excelencia da Rede Galega de Centros de Investigación, concedida pola Xunta de Galicia.

ArtLab
Desde hai anos, a través dos IGFAE Labs, o Instituto abriu novos espazos de conexión coa sociedade, co obxectivo de potenciar unha investigación e innovación responsable (RRI). Neste marco, o programa ArtLab, no que se enmarca Instrumentos de Visión, contribúe ao diálogo entre diversas disciplinas artísticas contemporáneas e a física de partículas.
Instrumentos de visión enmárcase nesta liña de traballo, que terá continuidade próximamente coa convocatoria de residencias artísticas, en consonancia con otros proxectos transdisciplinares.
Fundado en 1954, o CERN, a Organización Europea de Investigación Nuclear, xurdiu da visión de revitalizar a excelencia na investigación científica en Europa e promover a colaboración pacífica. Desde entón, conseguiu ampliar as fronteiras do coñecemento humano e a innovación tecnolóxica. Nos seus inicios, a comprensión do mundo subatómico distaba moito de ser completa. Hoxe sabemos que toda a materia que vemos está composta por un número extraordinariamente pequeno de partículas gobernadas por catro forzas fundamentais.
O CERN estivo á vangarda desta aventura científica, logrando descubrimentos fundacionais e impulsando a innovación. Sede do Gran Colisionador de Hadróns, o acelerador de partículas máis potente do mundo, foi testemuña do descubrimento do bosón de Higgs en 2012. O CERN é tamén o berce da World Wide Web, concibida orixinalmente como unha ferramenta para que os científicos compartisen datos. O impacto da tecnoloxía do CERN abrangue moitos aspectos da sociedade, con aplicacións en terapias médicas, protección do medio ambiente e moito máis.

Desde a súa fundación, o CERN tamén foi un lugar único de inspiración para artistas. Xa en 1972, James Lee Byars foi o primeiro artista que o visitou, explorou as instalacións experimentais do laboratorio e interesouse polo traballo de físicos teóricos como o célebre John Bell. As décadas seguintes foron testemuña da continua afluencia de artistas como John Berger, Anselm Kiefer, Mariko Mori, Gianni Motti e Cerith Wyn Evans, que abriron o camiño para a fundación do programa artístico da organización.
Arts at CERN creouse para fomentar o diálogo entre artistas e científicos. A primeira residencia artística tivo lugar en 2012, e desde entón convídase a artistas de todo o mundo para experimentar como a ciencia procura respostas ás grandes preguntas sobre o noso universo. A súa misión é facilitar intercambios significativos entre a arte e a física, contactando coacomunidade cultural internacional desexosa de conectar co CERN.
Ao conmemorar en 2024 o seu 70 aniversario, o CERN reflexiona sobre os seus notables logros pasados e mira con ilusión cara ao seu prometedor futuro. Con moitos misterios do universo aínda por resolver, o CERN segue sendo un faro de inspiración tanto para a comunidade científica como para a creativa. A través de Arts at CERN, continúa explorando o profundo significado da investigación fundamental na nosa sociedade. Ao ofrecer espazos para a investigación artística dentro do contexto da investigación, o CERN érguese como un lugar único para a innovación cultural.
IGFAE
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
Rúa Xoaquín Díaz de Rábago, s/n 15705 Santiago de Compostela
communication@igfae.usc.es
Visitas
Durante o período de apertura da exposición, tamén se organizarán varias visitas guiadas, que terán lugar os días 25 de xuño, 16 e 23 de xullo, 20 e 27 de agosto e 19 de setembro. Requírese rexistro previo, neste formulario.