Volve Ciencia Singular, unha das citas máis esperadas do ano polos en Compostela. A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volverá abrir as súas portas o próximo sábado 19 de novembro nunha xornada moi especial que permitirá acercar á cidadanía a investigación punteira que se realiza nos centros da rede, así como aquelous retos logrados e os que aínda están por conseguir. A ciencia é cousa de todos, e Ciencia Singular é unha estupenda ocasión para reivindicalo ao grande. Unha celebración que por sexto ano consecutivo fai partícipe á sociedade para dar a coñecer os últimos avances en química, física, medicina molecular ou tecnoloxías intelixentes, e onde se xera un espazo de reflexión colectiva arredor da ciencia que, por riba de todo, permite tamén pasar unha divertida xornada en familia.

As actividades deste evento, financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades , terán lugar ao longo de toda a xornada do sábado. Para participar nelas será imprescindible realizar inscrición previa na propia web do evento.

As charlas divulgativas do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) nos acercarán aos eventos máis extremos do universo, as ondas gravitacionais e os buracos negros, pero tamén ás aplicacións médicas da física e ao corazón da materia. Os obradoiros permitirán coñecer e detectar en tempo real a radiación que nos chega do espazo, e adentrarnos nun laboratorio de aceleración láser, mentres que os pequenos poderán desfrutar dun divertido espectáculo de experimentos utilizando o método científico. O programa do IGFAE complétase cun conxunto de exposicións autoguiadas, unha delas con motivo do décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs e  outra cunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos en tres dimensións.

Os que visiten o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) converteranse en “detectives moleculares” por un día, así que deberán permanecer ben atentos para poder identificar moléculas. Ademais, os visitantes poderán infiltrarse nos laboratorios, coñecer in situ cómo traballan os científicos do centro e conversar de primeira man con eles sobre desafíos tan interesantes como os materiais grafénicos ou o uso de nanoferramentas con aplicacións biolóxicas. Os máis pequenos diverteranse xugando con polímeros, observando cómo brillan algunhas bacterias mediante unha proteína fluorescente, ou aprendendo os segredos da cociña molecular, entre outras sorpresas que se prepararon para a xornada.

Con motivo da celebración do “Ano de Investigación Santiago Ramón y Cajal”, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) organizará, entre outros, un conxunto de obradoiros de divulgación dedicados ás neurociencias. Ademais, os visitantes poderán acceder ao laboratorio dedicado ao descubrimento temperá de fármacos, e no seu programa de charlas divulgativas abordaranse temas tan interesantes como o autismo, as enfermidades cardiovasculares, a epitranscrición ou a que ritmo envellecemos. Os máis pequenos converteranse en verdadeiros científicos observando ó microscopio mostras de células animais e vexetais, aprenderán unha correcta saúde bucodental ao tempo que elaboran un dentífrico natural, ou a importancia da hixiene mentres fabrican un xabón personalizado.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) mantén a súa aposta por aliñar os demostradores da xornada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), e acollerá o longo do día distintas conferencias e visitas guiadas con temáticas tan variadas como o uso de tecnoloxías Big Data para a detección de desinformación médica, ou a exploración interactiva de grandes volumes de datos de observación ambiental. A visita permitirá ós máis pequenos achegarse ás tecnoloxías intelixentes, dándolles a oportunidade de vivir experiencias como manexar un brazo robótico, enfrontarse  durante unha partida de scalextric a coches dotados de intelixencia artificial que aprenden de maneira autónoma, ou descubrir cómo funcionan pequenos humanoides. Mentres, os maiores poderán tamén experimentar nun marco de realidade virtual cómo é reimaxinarse a un mesmo, aos demais e ao mundo microscópico que nos rodea.

Os centros organizadores contan coa acreditación e o financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  a través do Programa de audas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), cofinanciadas a través de FEDER (programa operativo Feder Galicia 2014‐2020).

Máis información e programa detallado na páxina web do evento: https://cienciasingular.usc.es/

Para manterte ao día, podes seguir as redes sociais de Ciencia Singular en Twitter (@cienciasingular) ou Instagram (@cienciasingular).