No serán do venres 29 de setembro, ducias de persoas vinculadas a 10 centros de investigación galegos amosarán á cidadanía o traballo que desenvolven co gallo da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. Este evento, que celebra en 2023 a súa undécima edición, achegará a ciencia a rúas, museos, institucións educativas e bares. Baixo o lema ‘Conciencias creativas’, as actividades salientarán a creatividade e a súa relación co coñecemento científico como eixo da G-Night.

Observando os raios cósmicos

O IGFAE participará na actividade que será o epicentro da G-Night en Santiago de Compostela: os obradoiros e demostracións programados no Claustro do Colexio de Fonseca das 18 ás 21 horas do venres 29. Persoal do centro amosará ao público o abraiante do mundo dos raios cósmicos: partículas que chegan dende o espazo e bombardean a Terra dende todas as direccións.

Para observar estas partículas utilizaranse dous tipos de detectores. Un deles é o Minipix, desenvolvido polo CERN e utilizado no Proxecto MEDRA, unha iniciativa do IGFAE dirixida ao alumnado de institutos de Galicia. Con estes detectores é posible observar en tempo real as pegadas destes raios cósmicos, identificar que tipo de partículas se están a ver e cales son as súas características.

Para máis información, pode consultarse a páxina web da G-Night.