O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, volverá formar parte da Rede galega de Centros de Investigación de Excelencia. O Diario Oficial de Galicia publicou este martes 30 de abril a resolución da convocatoria, que achegará preto de 23,6 millóns de euros a 13 centros vinculados ás universidades galegas. O IGFAE recibirá ata 2027 preto de tres millóns por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Este financiamento permitirá consolidar durante os vindeiros anos o plan estratéxico do Instituto.

A resolución é froito da avaliación dun comité externo, que valorou moi positivamente (cualificación A) o traballo do IGFAE en aspectos como a gobernanza, a estrutura, a calidade científica e a transferencia de resultados á sociedade. Xunto ao IGFAE, formarán parte da rede, por parte da USC, CiQUS, CiMUS, CiTIUS e CRETUS (que acada por primeira vez esta acreditación).

O IGFAE, centro de excelencia autonómico e estatal no seu 25º aniversario

A acreditación de excelencia no eido autonómico ten lugar un mes despois da resolución da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España, que outorgou ao IGFAE a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu. Ata o momento, é o único centro de investigación de Galicia que conseguiu este prestixioso selo.

O dobre recoñecemento por parte das Administracións autonómica e estatal chega nun ano de fitos para o Instituto. Creado en 1999, o IGFAE cumpre 25 anos de historia neste 2024. O aniversario celebrarase cun programa de actos que se comezará a anunciar nas vindeiras semanas.

Alén disto, as obras de construción da nova sede do centro afrontan nestes meses a súa fase final. Unha vez finalizados os traballos, aumentarase nun 70% a superficie actual do Instituto, con novos laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu en 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación.

O persoal do IGFAE participa nalgunhas das meirandes instalacións experimentais do mundo, como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN, o observatorio de raios cósmicos Pierre Auger, a colaboración LIGO para o estudo das ondas gravitacionais, os laboratorios de física nuclear GSI/FAIR ou GANIL, e os experimentos de neutrinos NEXT, DUNE ou HyperK.