A nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) acollerá o luns 10 de xuño a apertura do curso “Fronteiras: da orixe do universo á exploración espacial”, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, que se desenvolverá do 10 ao 13 de xuño. O ciclo reunirá a investigadoras e investigadores de referencia no estudo do cosmos, desde a orixe do universo ata a procura de vida extraterrestre ou a exploración espacial.

Facendo conexións entre a Física de Partículas e a Cosmoloxía

Na primeira xornada, que leva por título “Facendo conexións entre a Física de Partículas e a Cosmoloxía”, abordaranse, desde enfoques diversos, estas disciplinas de investigación. O encontro comezará ás 17.00 horas, co acto de presentación no que participará o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, o director do IGFAE, Carlos Salgado López, e as coordinadoras do curso, as astrónomas e astrofísicas Minia Manteiga Outeiro e Ana Ulla Miguel. A continuación desenvolverase o programa científico, coas seguintes ponencias:

  • 17:15 | Producindo o estado primixenio do universo en menos de tres ioctosegundos, a cargo de Carlos Salgado, director do IGFAE e investigador Oportunius.
  • 18:00 | A primeira luz: O fondo cósmico de microondas, a cargo de Fernando Atrio Barandela, catedrático de Física Teórica da Universidad de Salamanca
  • 18:45| Pausa-café
  • 19:15 | Surveys de galaxias: rastrexando a distribución da materia en diferentes épocas cósmicas, a cargo de Fernando Buitrago Alonso, Investigador Distinguido Sénior da Universidad de Valladolid e colaborador Externo do Instituto de Astrofísica e Ciências do Espaço de Portugal.
  • 20:00-20:30 | debate e peche.

Segundo informa a RAGC, o ciclo diríxese a todo o público interesado neste eido, en particular a estudantes de Grao, Mestrado e Doutoramento en áreas afíns á física, matemáticas, informática ou enxeñaría. Buscarase a participación activa dos asistentes durante as diferentes sesións, sobre todo durante o debate que pechará cada xornada.

Despois da sesión de apertura no IGFAE, a segunda xornada terá lugar o día 11 no salón de actos do Campus de Ferrol. O 12 será no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. E o ciclo pecharase o 13 na Coruña, na Casa das Ciencias.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña, está aberto nesta ligazón: https://forms.gle/FZ6hAQovKHtncLEx9