O 22 e 23 de setembro tivo lugar en Santiago de Compostela a reunión anual dos grupos españois membros de DUNE, a colaboración internacional para o desenvolvemento dun dos experimentos de neutrinos máis avanzadosó mundo. Xunto co IGFAE, organizador do encontro, membros do Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), o Instituto de Física Corpuscular (IFIC), a Universidade de Granada e a Universidade de Vigo puxeron en común o traballo realizado nos detectores do experimento, deseñaron as estratexias colaborativas de cara aos próximos anos e discutíronse en detalle os primeiros resultados científicos obtidos cos actuais prototipos, así como o estado das simulacións.

Asimetría materia-antimateria

DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment) é un dos experimentos máis sofisticados xamais construído, equipado co feixe de neutrinos máis intenso do mundo. Constará de dous detectores: un preto da fonte de neutrinos, situado en Fermilab, preto de Chicago; e un segundo detector a 1.300 quilómetros de distancia e a máis dun quilómetro baixo terra no Laboratorio de Investigación Subterránea de Sanford, en Dakota do Sur. Nese traxecto, os neutrinos modifican a súa identidade ou ‘sabor’, pasando de tipo-muón a tipo-electrón. Determinar con precisión esta oscilación de sabor podería axudar a explicar a asimetría observada entre a materia e antimateria no noso universo. É neste contexto no que se está desenvolvendo ND-GAr, unha cámara de proxección temporal (TPC) de argon presurizado en cuxo deseño traballa un equipo do IGFAE liderado polo investigador Diego González-Díaz. Aínda que a primeira campaña experimental está prevista para o ano 2029, a construción de ND-GAr non comezará ata o ano 2030, co obxecto de reconstruír en 3D a traxectoria das partículas producidas nas interaccións dos neutrinos, con moita maior precisión que a conseguida ata a data.

Participación española en DUNE

DUNE é un consorcio internacional formado por máis de 1000 científicos e científicas, 200 institucións e 30 países, onde o IGFAE participa con este proxecto no que traballan na actualidade Diego González-Díaz, Ángela Saa, Pablo Amedo, Sara Leardini, Miguel Morais, David José Fernández e David González. Ademais de numerosos colaboradores internacionais, en España conta co apoio do IFIC, CIEMAT, a Universidade de Granada e a Universidade de Vigo, recentemente incorporada.

A participación de IGFAE en DUNE está financiada a través do programa interno de promoción de novas iniciativas IGNITE* e o programa europeo H2020 a través do proxecto AIDAinnova para o desenvolvemento e transferencia de novas tecnoloxías de detectores de partículas en Europa durante os próximos 4 anos e, en concreto, para a optimización de TPCs presurizadas de nova xeración con lectura óptica. Desde o ano 2022, a participación coordinada IGFAE-Vigo dentro de DUNE está tamén financiada polo Plan Nacional de Física de Partículas.