Un grupo de 69 estudantes de 2º de bacharelato e docentes de 27 centros provenientes de toda a comunidade galega participaron hoxe na Masterclass Internacional “Física de Partículas coas mans” que organizou o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) na Facultade de Matemáticas e a Facultade de Óptica da Universidade deSantiago de Compostela (USC). Despois da exitosa edición virtual de 2021 co gallo da pandemia, esta masterclass permitiu ao alumnado coñecer in situ como é un centro de investigación, aprender sobre Física de Partículas e facer un exercicio práctico con datos experimentais que compartiron online, como nunha colaboración científica real, con estudantes dalgúns dos outros 225 centros de todo o mundo que organizan xornadas similares durante estes días. Como o ano pasado, a participación feminina foi récord, cun 46% de alumnas.
A xornada comezou coa benvida do director do IGFAE Carlos Salgado, quen agradeceu ao profesorado e estudantes a súa participación nesta masterclass que leva formando a mozos e mozas de toda Galicia dende 2008 e que recibe desde a súa primeira edición máis solicitudes das dispoñibles. Despois seguiron as conferencias maxistrais dos investigadores Diego Martínez Santos e Veronika Chobanova cunha introdución á física de partículas, os aceleradores e experimentos do CERN, así como os distintos tipos de física e fenómenos que se poden medir no maior laboratorio deste tipo no mundo.
Despois de aprender os fundamentos básicos, os estudantes realizaron unha práctica por computador na que identificaron eventos ‒choques de partículas subatómicas‒ empregando datos reais do experimento CMS do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN. Unha vez terminado o exercicio, conectáronse por videoconferencia co CERN para compartir os resultados da práctica e discutilos con estudantes de 60 países distintos que participaban nunha masterclass dende otros centros científicos.
Esta xornada está promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi). A organización desta edición estivo a cargo dos seguintes investigadores e investigadoras do IGFAE:
- Alexandre Brea Rodríguez
- Adrián Casais Vidal
- Caetano Eirea Orro
- Miguel Fernández Gómez
- Alessandra Giuventù
- Clara Landesa Gómez
- Julián Lomba Castro
- Saúl López Soliño
- Asier Pereiro Castro
- Emilio Xosé Rodríguez Fernández
- Marcos Romero Lamas
- Ramón Anxo Ruiz Fernández
Verónica Villa Ortega
Información da Masterclass Internacional do IGFAE: http://igfae.usc.es/masterclass/