Database Search
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

04.11.2025

Sumrrá mergúllase na física cun concerto temático e unha composición inspirada na cuántica

Sumrrá, o trío de jazz formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería Lar Legido, explora novas vías no seu 25º aniversario, cunha iniciativa en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE. O proxecto poderase desfrutar en directo o mércores 12 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), mediante un concerto temático e comentado no que tamén participará Manuel Caamaño, músico, investigador do IGFAE e profesor da Facultade de Física da USC.

A actividade enmárcase na Semana da Ciencia do IGFAE, que na súa novena edición céntrase na conmemoración, neste 2025, no Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas. Con esta efeméride conmemórase o centenario da publicación dalgúns dos artigos máis relevantes para a construción da mecánica cuántica, a teoría que describe as propiedades dos elementos fundamentais da materia, da man de autores como Einstein, Planck, Böhr, Schrödinger, Heisenberg, De Broglie, Born ou Dirac.

“7 visións” e unha peza inédita

O repertorio do concerto estará centrado no álbum “7 visións”, publicado por Sumrrá en 2021, no que o grupo compostelán asumiu o exercicio inspirador de “coller perspectiva e replantexarse a través da música a nosa propia existencia”, explican.

Fano a través de pezas como Sapiens sapiens, que miran con novos ollos á nosa especie; mergúllanse no Espazo interior que habita en cada un de nós; achéganse a Ra, o astro rei, fonte de toda vida; reflexionan sobre a nosa eterna posición na Periferia Universal ou sobre a permanente danza das Forzas Gravitatorias. Igualmente, contan a través da súa música o que aconteceu no Big Bang en 13.700 millóns de anos despois; ou por que son 7 os graos que separan Asuán de Alexandría.

Xunto a este álbum, o grupo estreará o 12 de novembro no CGAC unha composición creada co gallo da colaboración co CESGA e o IGFAE, e inspirada na física cuántica. A peza leva o título A oitava visión. O zoom cuántico, e nela “xogamos coa idea de transicion dende a física clásica ata a revolucion cuántica, e de como a visión da mesma realidade pode mudar dependendo da posición, proximidade, atencion ou tecnoloxía”, explica o trío. “Nesta oitava visión, partindo dunha realidade de física clásica e animal, xogamos coa idea dun zoom tecnoloxico co que percibir a mecánica cuántica”, conclúen.

Para vincular o repertorio de “7 visións” e a peza inédita con diversas claves da física, a cita contará tamén coa participación de Manuel Caamaño, investigador do IGFAE e músico, que analizará desde a perspectiva científica e artística as composicións interpretadas durante o concerto.

Esta iniciativa está financiada polo proxecto QUORUM, un proxecto de promoción dun ecosistema de innovación en computación cuántica. O ecosistema de innovación de computación cuántica compleméntase coa Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, da que forman parte: Consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Sanidade, así como a Amtega, as tres universidades galegas CESGA, o Clúster TIC, os ‘hubs’ de innovación DIHGIGAL e DATAlige, o centro tecnolóxico Gradiant, Fujitsu International Quantum Center e o Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos). QUORUM está financiado polo CDTI con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Sobre Sumrrá

Sumrrá, que celebra en 2025 o seu 25º aniversario, é o trío de jazz máis lonxevo da escena española. Suma centos de concertos, sete discos publicados e unha recoñecida traxectoria artística e profesional.

O grupo, galardoado co Premio Jazz España 2022, actuou como embaixador do jazz galego máis contemporáneo en festivais de recoñecido prestixio internacional de todo o mundo, como Vancouver Jazz Festival, TD Victoria International JazzFest (Canadá), Jarasum Jazz Festival (Corea), Joy of Jazz Festival (Johannesburgo), Jazz à Cours & à Jardins (Lión), L’Air (Illa Reunión), Harmonía Jazz Festival (Joinville, Brasil), Poa Jazz Festival (Porto Alegre, Brasil), Festival Internacional Canarias Jazz & Más, Festival de Jazz de Getxo, International Jazz Festival (Guangzhou, China), Festival de Jazz de Évora (Portugal), Festival MM de Sines, Strawberry Festival (Shanghái), SOTX (Pekín), Festival de Jazz de Guatemala, Eurojazz (México), Jazz in Seúl (Corea), Tanjazz Festival (Tánger), Jazz Plus Festival (Bulgaria), Iberoamerican Jazz Festival (Pretoria), entre tantos outros.

Sobre o CESGA

A Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) é, dende 1993, o centro de computación, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados da Comunidade Científica Galega, Sistema Académico Universitario e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

O CESGA ten como obxecto contribuír ao avance da ciencia e da tecnoloxía a través da investigación nas áreas de computación de altas prestacións, comunicacións e outros eidos científicos e tecnolóxicos converxentes que xorden destas disciplinas, así como facilitar o acceso e soporte ás infraestruturas científico-técnicas do CESGA aos seus usuarios e a proxectos de alto valor engadido para a sociedade. O CESGA é un Nodo da Rede Española de Supercomputación e unha Infraestrutura Científico Técnica Singular do Estado.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro mixto da USC e a Xunta de Galicia creado en 1999, co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no ámbito da física de partículas, astropartículas e nuclear. O seu persoal participa en grandes proxectos internacionais, como a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), o Observatorio Pierre Auger, os aceleradores GSI-FAIR e GANIL ou a colaboración LIGO.

No ano 2017, o IGFAE foi recoñecido como Unidade María de Maeztu, a máis prestixiosa acreditación de excelencia científica en España, que volveu acadar no ano 2024, sendo o único centro galego con dúas destas distincións. Ademais, forma parte da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia desde o ano 2019, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.