Database Search
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

VI Edición 2023

A Semana da Ciencia é o evento divulgativo máis importante do IGFAE. Cada ano desde 2018 o instituto organiza un programa de actividades para todos os públicos coa finalidade de espertar curiosidade pola física e visibilizar a ciencia de excelencia á sociedade.

  • Datas
    Do 9 ó 15 de novembro de 2023

A VI Edición da Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) estivo cargada de actividades que conectarán ciencia e sociedade nun programa diverso e inspirador. Desde charlas con referentes internacionais ata presentacións de proxectos innovadores, o evento ofrecerá un punto de encontro para todos os apaixonados pola física e o coñecemento. O colofón tivo lugar o mércores 15 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Abanca coa conferencia do prestixioso físico Krishna Rajagopal, catedrático do MIT e discípulo do premio Nobel Franz Wilczek.

Rajagopal impartiu a charla titulada "50 anos da liberdade dos quarks: da sopa do Big Bang aos protóns e viceversa", onde explorou un dos descubrimentos máis transcendentes da física de partículas: a liberdade asintótica. Este fenómeno, desvelado en 1973 por Wilczek, Gross e Politzer, marcou un antes e un despois na comprensión da interacción forte, unha das forzas fundamentais do universo. A súa conferencia foi unha oportunidade única para mergullarse no mundo da Cromodinámica Cuántica e entender como os avances teóricos permiten conectar o cosmos co comportamento máis fundamental da materia.

Celebraronse actividades como unha conversa entre Alan Sokal e José Edelstein, a presentación do Proxecto MEDRA, o anuncio dos gañadores do Concurso IGFAE C3 e unha NerdNite especial con charlas sobre a liberdade asintótica e o descubrimento dos bosóns W e Z. Estes eventos, que se celebrarán en diversos puntos de Santiago, consolidan a Semana da Ciencia como unha cita ineludible para poñer en valor a física como motor de coñecemento e inspiración.

Programa

01
Transfronteirizas, con Alan Sokal
arrow-right

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) celebra este xoves 9 de novembro, a partir das 20 horas, unha nova entrega do ciclo ‘Transfronteirizas. Conversas de Arte e Ciencia’. O convidado nesta ocasión será o físico estadounidense Alan Sokal, que conversará co investigador do IGFAE Jose Edelstein. O encontro, que abrirá o programa de actividades da VI Edición da Semana da Ciencia do IGFAE, poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube do centro.

No ano 1996, este investigador protagonizou o coñecido como ‘Escándalo Sokal’, co que evidenciou a falta de rigor intelectual en algúns sectores da academia: redactou un artigo cheo de conceptos grandilocuentes, pero sen sentido, no que sostiña que a gravidade cuántica  non é máis ca un constructo social e lingüístico. O artigo, titulado Transgredir as fronteiras: cara a unha hermenéutica transformadora da gravidade cuánticafoi publicado na revista Social Text, unha revista académica da Universidade de Duke, que trataba cuestións sociais e culturais.

Ao mesmo tempo, Sokal preparou outro artigo no que revelaba o calote, afirmaba que o primeiro texto foi concibido como unha parodia e criticaba a algúns referentes das ciencias sociais e humanidades por deixar de lado o rigor e a razón en favor de prexuízos ideolóxicos. Sokal enviouno a Social Text, que rexeitou publicalo, polo que o texto acabou saíndo na revista Lingua Franca.

En 1997, Sokal publicou xunto a Jean Bricmont, físico belga, o libro Imposturas intelectuais, no que afondaba na súa idea, baseada en dúas cuestións relacionadas entre si: o uso pretencioso e temerario de conceptos científicos por parte dun grupo de filósofos e intelectuais influentes e, por outra banda, os problemas do relativismo cognitivo, que sostén que a ciencia moderna non é máis que un mito ou narrativa. Neste sentido, Sokal e Bricmont argumentaban que algúns dos referentes intelectuais da posmodernidade deturpaban conceptos da física e as matemáticas para reforzar as súas crenzas e discursos.

O traballo de Sokal espertou nos seguintes anos moi diversas reflexións sobre a relación entre as consideradas como ‘dúas culturas’ (ciencias e humanidades) e sobre a filosofía da ciencia. E, nos últimos anos, segue tamén vivo debido ao crecente fenómeno das coñecidas como revistas depredadoras, que aceptan traballos que non cumpren cos mínimos criterios de calidade.

Sobre Alan Sokal

Alan D. Sokal (Boston, 1955) é profesor de Matemáticas no University College London e profesor emérito de Física da Universidade de Nova York. Graduouse en Física en Harvard e realizou a súa tese de doutoramento en Princeton. Está especializado en disciplinas como a mecánica estatística ou a física computacional.

 Encontros para tender pontes entre arte e ciencia

Organizado polo ArtLab do IGFAE, ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se convidan a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinario. O ciclo, nacido o 15 de maio de 2020 con Rosa Montero, recibiu neste tempo a personaxes como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo, co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.

02
Proxecto MEDRA
arrow-right

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) anunciará proximamente o lanzamento da 2ª edición do proxecto MEDRA (MediPIX para Estudo e Detección de Radiación nas Aulas), unha iniciativa promovida polo EduLab do IGFAE e coordinada pola investigadora Cristina Cabo. Este programa permitirá ao alumnado de bacharelato de centros galegos explorar a física nuclear de partículas a través dunha experiencia investigadora pioneira. O proxecto utilizará os detectores Minipix, desenvolvidos polo CERN, para que os estudantes poidan captar as pegadas de partículas subatómicas, analizalas e extraer conclusións sobre a súa natureza, enerxía e traxectoria.

Durante a presentación desta nova edición, prevista no marco da VI Semana da Ciencia do IGFAE, compartirán os resultados e logros acadados na 1ª edición do certame. No pasado curso, os participantes recolleron datos experimentais e redactaron un artigo científico baseado na súa análise, que será enviado para publicación en revistas educativas. Ademais, realizarán unha exposición do seu traballo no encontro, destacando a importancia de iniciativas como MEDRA para fomentar o interese pola ciencia entre os máis novos e achegar a física de partículas ao ámbito educativo.

03
Concurso IGFAE C3
arrow-right

Relación de traballos gañadores da sexta edición.

Este certame, que recoñece o labor de divulgadores de todo o mundo, premiou catro categorías: artigo divulgativo, fotografía científica, vídeo divulgativo e proxecto orixinal.

04
NerdNite
arrow-right

Os 50 anos da liberdade asintótica e os 40 dos bosóns W e Z centrarán a NerdNite que se enmarca dentro da VI Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Será este martes 14 de novembro, a partir das 20.30 horas, na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44. Santiago de Compostela).

‘Tres quarks para Muster Mark’ é o titulo da charla que pronunciará José Edelstein, profesor da Facultade de Física da USC e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia. A continuación, será a quenda de Clara Landesa, tamén investigadora do IGFAE, que abordará ‘Os bosóns W e Z: cambiándolle o sabor á vida’. Finalmente, Carlos Salgado, director do IGFAE, pronunciará o relatorio ‘Que ben senta un caldiño… de quarks e gluóns’.

As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno. Desta volta, a sesión enmárcase dentro das actividades programadas co gallo da Semana da Ciencia do IGFAE. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.

05
Conferencia de Krishna Rajagopal
arrow-right

A VI Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) tivo o seu colofón o mércores 15 de novembro ás 20.00 horas, (Auditorio Abanca, Rúa do Preguntoiro, 23), coa conferencia pública de Krishna Rajagopal, catedrático de Física Teórica do Massachussetts Institute of Technology (MIT). Rajagopal, discípulo do premio Nobel de Física 2004, Franz Wilczek, é un referente internacional no estudo da Cromodinámica Cuántica, a teoría que describe a interacción forte, unha das catro forzas fundamentais que rexen as relacións entre as partículas subatómicas.

O investigador impartiu a conferencia 50 anos da liberdade dos quarks: da sopa do Big Bang aos protóns e viceversa. Na súa intervención abordou a liberdade asintótica, a propiedade descuberta por Franz Wilczek, David Gross e David Politzer no ano 1973, que supuxo un dos fitos da física de partículas da segunda metade do século XX. Este avance foi unha contribución esencial para a aceptación da Cromodinámica Cuántica como a teoría que describe a forza nuclear e reforzar, así o Modelo Estándar como a teoría que describe o universo microscópico ao nivel máis fundamental da materia.

Krishna Rajagopal naceu en Múnic (Alemaña), aínda que a súa familia mudouse a Toronto (Canadá) cando era moi novo. Graduouse en Física na Queen’s University de Ontario, e doutorouse en Princeton en 1993 baixo a dirección do premio Nobel Franz Wilczek. Despois de varias estadías en institucións como Harvard e Caltech, incorporouse á Facultade de Física do Massachussetts Institute of Technology no ano 1997, da que foi decano entre 2015 e 2017. Desde o ano 2004 é membro da American Physical Society.

A súa investigación céntrase no estudo do comportamento dos quarks en condicións extraordinarias, combinando vertentes diversas da física, como a cosmoloxía, a astrofísica, a teoría de cordas, a física de partículas ou a nuclear.

Conferencia de Krishna Rajagopal

Presentación dos traballos que participaron na primeira edición do Proxecto MEDRA

NerdNite 2023 en a Nave de Vidán