O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, disporá dunha sede á altura da súa dimensión como centro clave “na captación de talento” e que lle permita “adecuar o espazo ás súas necesidades”, tal e como apuntou o reitor Antonio López na presentación dun proxecto que mobilizará preto de cinco millóns de euros e que se enmarca no convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. “Este é un salto cualitativo”, dixo Carlos Salgado, director do IGFAE, “que nos permitirá acadar metas máis ambiciosas e visibilizar o instituto dentro da universidade e en Galicia para que todos os galegos e galegas saiban que aquí teñen un centro de referencia internacional en física de partículas”.

Pola súa parte, o conselleiro Román Rodríguez destacou o IGFAE como “un centro que representa á perfección o nivel investigador da nosa Comunidade, referente no campo da física de alta enerxía, na física de partículas e nuclear e que acolle a membros que teñen recibido algunhas das axudas de maior prestixio dentro do sector como son as Starting Grant e Advanced Grant”. Neste sentido, salientou que a excelencia e o volume da actividade investigadora que se realiza neste centro fai necesario dotalo “dunhas instalacións renovadas e ampliadas para seguir reforzando e impulsando as liñas de investigación deste instituto”.

O proxecto presentado este luns nas instalacións do IGFAE, 7 de novembro, conforma unha actuación mixta, de acondicionamento do xa edificado no interior do inmoble actual e de execución dun novo volume en planta baixa, grazas á que se dotará a IGFAE de novos espazos dedicados a laboratorios e investigación. Acadarase unha superficie total de 4.880,15 m² dos que 348,5 m² corresponden ao volume de ampliación, para o que se empregarán os espazos dos andares -1 e -2 do edificio Monte da Condesa que xa ocupaba o Instituto, acrecentados cos locais anexos que ocupaba a antiga cafetería e mais os espazos ocupados por grupos de investigación que xa non están presentes neses locais.