Presentación

O martes 11 de febreiro de 2025 celébrase o “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia”, proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Por sexto ano consecutivo, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) organiza en Santiago de Compostela a Masterclass Internacional de Física de Partículas, dirixida a alumnas de 1º de bacharelato de institutos de Galicia.

A xornada, que terá lugar o propio martes 11 de febreiro de 2025, ten por obxectivo achegar a física ás alumnas, que poderán realizar unha práctica experimental con datos reais do CERN. Farano a través das propias investigadoras do IGFAE, que compartirán algunhas claves do seu traballo cotián e amosarán o labor de referentes femininas para as futuras xeracións de investigadoras.

O IGFAE considera esencial a promoción do acceso á ciencia e a participación plena e equitativa de todas as persoas, especialmente en disciplinas moi masculinizadas como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero. Neste marco, a actividade abre as portas ás mozas galegas que están a desenvolver os seus estudos preuniversitarios, para que coñezan o traballo realizado polo Instituto e tomen contacto con este campo, gozando dunha experiencia inesquecible e coñecendo as tarefas cotiás das investigadoras que traballan na disciplina.

Apertura de inscricións

As estudantes e docentes interesadas poderán formalizar a súa inscrición a partir do luns 13 de xaneiro de 2025, a través do formulario de rexistro dispoñible nesta ligazón. Para garantir un óptimo desenvolvemento da xornada, a actividade ten un máximo de 60 prazas, con 2 alumnas de 1º de bacharelato por instituto (posibilidade de ampliar a 3 en función da evolución das inscricións).

A Masterclass de Física de Partículas do 11F supón unha grande oportunidade para achegar as carreiras científicas ás alumnas, polo que cómpre ter presente este criterio na selección das participantes. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, debería tamén considerase este aspecto.

O profesorado que acompañe ás estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada. O IGFAE farase cargo da manutención.

Programa da Masterclass

Durante a mañá, as asistentes afondarán no coñecemento da física de partículas con conferencias introdutorias, antes de mergullarse na sesión práctica. A continuación, realizarase esta actividade, na que se utilizarán datos reais dun experimento do CERN. Os resultados discutiranse á tarde a través de videoconferencia con investigadoras do CERN, así como con alumnas doutros países que tamén participan na Masterclass.

Na sesión da tarde haberá tamén unha charla-coloquio que poñerá o acento nas cuestións de xénero e diversidade na física de partículas, visibilizando os casos de mulleres procedentes de diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións, que fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, pero que seguen sendo en moitos casos bastante descoñecidas.

A Masterclass ofrece, deste xeito, unha oportunidade e unha experiencia inesquecible para as alumnas, que terán a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora.

A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).

A Masterclass é posible grazas ao traballo de:

    • Beatriz Errandonea Félix
    • Carolina Filgueira Rama
    • Iris García Rivas
    • Cristina López Iribarnegaray
    • Ana Lorenzo Medina
    • Alicia Muñoz Ramos
    • María Pereira Martínez
    • Rosalía Soto Rey
    • Victoria Valcarce Cadenas

E á colaboración da

Esta xornada nace como froito da colaboración do IGFAE co “Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG)”, promotor da Masterclass, e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).

Actividades do IGFAE anteriores polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia: Masterclass de física de partículas para rapazas (2019, 2020, 2022, 2023 e 2024), Mesa redonda: “De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia” (2021) e Christiane, bio-musical científico (2022).