Masterclass: Física de Partículas coas mans 2021 (online)
Conference
|
Un ano máis o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi), organiza unha xornada ou “Masterclass” de actividades relacionadas coa Física de Partículas destinada a estudantes de bacharelato. Promovida polo “Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas” e denominada “Física de Partículas coas mans”, a masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre a Física de Partículas actual, ademais dunha práctica realizada en grupo cuxos resultados serán discutidos mediante videoconferencia con outros centros europeos que organizan simultaneamente unha xornada idéntica. Tras ser cancelada o ano pasado debido á situación sanitaria, este ano a Masterclass regresa en formato online, sendo celebrada o vindeiro xoves 11 de marzo de 2021 a través da aplicación Zoom. O número de estudantes nesta séptima convocatoria está limitado a 70. Sen ningunha dúbida será unha experiencia inesquecible, porque tomarán parte nun simulacro da actividade científica profesional. Por iso desexaríamos contar con dous estudantes do último curso de bacharelato do seu instituto ou colexio. Deste xeito esperamos acadar unha representación ampla tanto de estudantes como de centros participantes. Consideramos importante contar con estudantes que poidan aproveitar a experiencia, valorando principalmente a afección pola ciencia, e o coñecemento do inglés, importante para a realización da videoconferencia. A selección do alumnado participante deixámola enteiramente á súa discrecionalidade. O único que necesitará o alumnado para participar na Masterclass será a aplicación de videoconferencias Zoom, na cal organizaremos tanto as charlas como a sesión práctica, e tamén onde será realizada a videoconferencia cos demais centros. Desta forma o alumnado poderá participar incluso dende as súas propias casas, de ser necesario, aínda que esperamos que a actividade a poidan realizar nos seus respectivos centros para facilitar a comunicación co resto de participantes do seu centro. Se desexan participar nesta experiencia deben enviar o formulario de inscrición electrónico que se atopa nesta web cos datos requiridos antes do domingo 28 de febreiro de 2020. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada. Información e inscricións: http://igfae.usc.es/masterclass/ |