A protonterapia é unha tecnoloxía que nos últimos anos está a experimentar un importante desenvolvemento e ofrece grandes esperanzas no tratamento do cancro. Esta terapia radiolóxica emprega protóns en vez de fotóns, o que diminúe o dano que a radiación pode causar nos tecidos sans que circundan os tumores. Nos vindeiros anos, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela acollerá o Centro Galego de Protonterapia, unha instalación que sirve como eixe do obradoiro científico internacional que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados do Parque de Vista Alegre. O encontro está organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.
Na mañá do martes 9 de maio tivo lugar a inauguración das xornadas de traballo, coa benvida de Carlos Salgado, director do IGFAE. No obradoiro, que contou coa presenza de preto de 80 participantes de varios países, amosáronse os últimos avances sobre esta tecnoloxía, a investigación aplicada que xera e a complexa instrumentación que se require para a súa implantación, así como o impacto clínico e económico destas infraestruturas.
Escenario de presente e futuro
A primeira xornada contou coas intervencións de Antonio Gómez Caamaño, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do CHUS, que abordou o escenario actual da radioterapia de precisión. A continuación, María Loureiro, catedrática de Fundamentos de Análise Económica da USC, analizou o impacto económico de grandes infraestruturas científicas, como a que está previsto construír na capital galega. Tamén participou a científica galega Yolanda Prezado, investigadora no Institut Curie, principal centro de estudo e tratamento do cancro en Francia, onde pescuda novos enfoques para reducir os efectos secundarios da radioterapia.
Ao longo do día, o obradoiro organizado polo IGFAE dou conta das experiencias de persoal de centros de investigación de Dresde (Alemaña), Bronowice (Polonia) e Cantabria, onde se traballa actualmente no desenvolvemento de instalacións científicas enfocadas á protonterapia. Na sesión da tarde expóñense cuestións como o potencial uso da terapia de hadróns en doenzas neurodexenerativas e avances sobre radiobioloxía aplicados a esta disciplina.
Na xornada do mércores participaron o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, xunto ao vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, e o director do IGFAE, Carlos Salgado. As presentacións do persoal investigador centráronse neste segundo día na investigación aplicada arredor da protonterapia e os desenvolvementos na instrumentación precisa para os tratamentos clínicos.