A vindeira sesión destas charlas divulgativas desenvolverase o vindeiro 23 de novembro, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán, e abordará o décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs, fito que centrará a Semana da Ciencia do IGFAE
O décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs será a temática arredor da que xirará a vindeira Nerd Nite, que o mércores, 23 de novembro, regresa logo do parón obrigado por mor da pandemia. Rolf Heuer, director xeral do CERN de 2009 a 2015, será un dos relatores que integrarán o programa desta sesión que se artella en base a pequenas charlas científicas onde especialistas dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno. A sesión do día 23, desenvolverase na Nave de Vidán, ás 20.30 horas, e está organizada conxuntamente co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia.
Ademais de Rolf Heuer, quen pronunciará o relatorio ‘Sabía que o tiñamos (I knew we had it)’, intervirán na Nerd Nite o profesor da USC e investigador do IGFAE, José Edelstein, e Pier Paolo Giardino, investigador distinguido do IGFAE. ‘O segredo está na masa’ é o título da intervención do profesor Edelstein; mentres que Giardino disertará sobre ‘O bosón de Higgs, unha luz na escuridade’. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. O coordinador das Nerd Nites é o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez.