Do 7 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela terá lugar o 9th International Workshop on Acoustic and Radio EeV Neutrino Detection Activities (ARENA 2022), o principal congreso bianual dedicado ao estudo e detección dos fenómenos máis extremos do universo, ao que acudirán ao redor de 70 especialistas de todo o mundo. Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e a Xunta de Galicia, o encontro divide o seu programa científico en varios workshops que abordarán as diferentes técnicas e detectores para observar neutrinos e raios cósmicos de ultra alta enerxía, e os desafíos que expón a astronomía multimensaxeiro.

Os métodos de detección acústica e radioeléctrica de neutrinos e raios cósmicos ultra enerxéticos e outras tecnoloxías como microondas, radar e detección magnética  ultrarrápida, ademais de futuros experimentos como  Auger Prime e PUEO (Payload for Ultrahigh Energy Observations) ‒nos que participa o IGFAE‒, ou IceCube Gen-2 e o Global Cosmic Ray Observatory, son algunhas das temáticas que se tratarán neste congreso da man de investigadores do IGFAE e outros de especial relevancia no panorama nacional e internacional.

Unha nova xanela ao universo máis extremo

A astronomía multimensaxeiro é unha forma de observar o universo que non se basea exclusivamente na luz, senón que o sinal tamén pode estar composta por partículas subatómicas e ondas gravitacionais. Esta naceu en 1985 cando se detectaron os primeiros neutrinos orixinados na explosión da supernova SN 1987A. Con todo, en 2017 deuse un salto cualitativo sen precedentes cando se observaron por primeira vez as ondas gravitacionais (GW170817) e a radiación electromágnetica producida no choque de dúas estrelas de neutróns. Ter información de distinto tipo dun mesmo fenómeno permite complementar as observacións e estudar o universo máis extremo dunha maneira nunca vista. O congreso ARENA2022 constitúese como o foro idóneo para mostrar os resultados máis recentes e o estado de diferentes investigacións e experimentos desta nova era da astronomía.

Web de ARENA2022: https://indico.cern.ch/event/826366/

  1. Observatorio Auger Prime, en Malargüe (Argentina). Crédito: Observatorio Pierre Auger.
  2. Ice Cube Gen-2 en el Polo Sur. Crédito: colaboración Ice Cube.
  3. Render de la misión Payload for Ultrahigh Energy Observations (PUEO). Crédito: colaboración PUEO.