O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acolleu no Campus Sur da USC unha nova edición da tradicional Masterclass “Física de partículas coas mans” para estudantes de 2º de bacharelato. A xornada repite o éxito de anos anteriores esgotando todas as prazas dispoñibles, que se incrementaron de 70 a 100, permitindo que mozas e mozos de 36 centros Galicia se acheguen á investigación que se realiza no IGFAE e no CERN. Trátase dunha iniciativa internacional promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e Fermilab (Laboratorio Nacional Fermi).

O alumnado recibiu dúas conferencias teóricas: unha introdución á Física de Partículas por parte do investigador posdoutoral Arnau Brossa Gonzalo, e outra sobre aceleradores e detectores de partículas por Carlos Vázquez Sierra, tamén posdoc do IGFAE. Despois de aprender os fundamentos básicos, realizaron un exercicio práctico en grupo no que utilizaron datos reais do experimento CMS (Compact Muon Solenoid) do LHC ‒un dos que descubriu o bosón de Higgs xunto con ATLAS‒ e un software específico para identificar colisións de partículas. Unha vez recompilados os resultados, compartíronos por videoconferencia co CERN e outros centros europeos que organizan unha xornada similar á vez, como nunha colaboración científica internacional.

A Masterclass é unha actividade divulgativa internacional que pretende estimular as vocacións científicas entre os estudantes e unha oportunidade única para que teñan un contacto directo con física de vangarda e persoal científico en activo. Desde o 13 de febreiro ao 31 de marzo máis de 13.000 estudantes de secundaria de 60 países acudirán durante un día a unha das 225 universidades ou centros de investigación como o IGFAE que organizan esta xornada para desentrañar os misterios da física de partículas.

Esta edición foi posible grazas aos seguintes investigadores e investigadoras do IGFAE:

  • Ana Lorenzo Medina
  • Asier Pereiro Castro
  • Arnau Brossa Gonzalo
  • Carlos Hervés Carrete
  • Carlos Vázquez Sierra
  • Diego Costas Rodríguez
  • Emilio Xosé Rodríguez Fernández
  • Iván Cambón Bouzas
  • Julio Nóvoa Fernández
  • Lidia Carcedo Salgado
  • Martín Pérez Maneiro
  • Miguel Fernández Gómez
  • Sara Sellam

Imaxes de diferentes momentos da xornada. Foto grupal de estudantes: Miguel Sánchez Bomtempo (IES Plurilingüe Pintor Colmeiro), Candela Cabañas Rivas (Colexio Fingoi), Candela Moreno Sande (IES Miraflores), Valeria Balboa Maracchi (Colexio Manuel Peleteiro) e Eliana Pascual Sanderson (Colexio Montespiño). Crédito: Elena Mora (IGFAE).