‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’, o ciclo de diálogos en liña do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), cumpre estes días o seu segundo aniversario e celébrao cunha nova edición o próximo 19 de maio, por primeira vez en formato presencial. O encontro entre Estíbaliz Espinosa e Gastón Giribet, moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein, será no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ás 19:00 con entrada de balde ata completar capacidade. Quen non poida achegarse tamén poderá seguir o evento en directo a través da canle de Youtube do IGFAE.

Neste encontro de ‘Transfronteirizas’ falaremos de astronomía, buracos negros e poesía. Estíbaliz Espinosa, cantante e escritora, converteu a súa curiosidade sobre o ceo e o universo en material sensible a través da súa obra. Gastón Giribet, físico teórico, leva toda unha vida pensando nos buracos negros e as abordaxes literarias e filosóficas sobre as dimensións do universo e estes astros que son fonte de tantos paradoxos.

Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1973) é escritora, comunicadora de ciencia e mezzosoprano. Licenciouse en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, estudou astronomía como amadora. Publicou varios libros de poesía en galego (Curiosidade ou As neuronas irmás, entre outros), traducións, relatos e ensaio. Artella actividades arredor da poesía, astronomía e música. Traballa para entidades como a Orquestra Sinfónica de Galicia, Museos Científicos Coruñeses e actualmente imparte escrita creativa na Universidade da Coruña.

Gaston Giribet (Buenos Aires, 1973) é doutor en física. É Profesor de Física Teórica da Universidade de Buenos Aires, e foi membro doutras institucións, como o Institute for Advanced Study de Princeton, New York University, e a Université Libre de Bruxelles. É autor de máis de cen artigos científicos e, xunto a José Edelstein, publicou o libro Cuerdas y supercuerdas: la naturaleza microscópica de las partículas y del espaciotiempo.

Rosa Montero inaugurou dous anos de intercambio interdisciplinar

Organizado polo ArtaLab do IGFAE, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia‘ é un ciclo de diálogos virtuais emitidos en Youtube no que se convidan a figuras do ámbito cultural a explorar as interseccións entre a arte e a ciencia co noso persoal investigador, buscando un enfoque interdisciplinar. Nacido o 15 de maio de 2020 en plena pandemia con Rosa Montero, polo ciclo pasaron persoeiros como Javier Ruibal, Alejandro Dolina, Anna R. Figueiredo ou Agustín Fernández Mallo co obxectivo de tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.