Investigadoras e investigadores de prestixio internacional visitaron onte e hoxe as instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para examinar a calidade investigadora do centro

O Comité Científico Asesor (Scientific Advisory Board) do IGFAE, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, visitou onte martes e hoxe mércores as súas instalacións en Santiago de Compostela para avaliar o desempeño do Instituto durante este último ano e a estratexia científica actual.  O comité estivo composto por Barbara Erazmus (vicevoceira da colaboración ALICE do CERN), Paolo Giubellino (director científico das infraestruturas GSI e FAIR en Darmstadt), Gabriela González (voceira do experimento LIGO entre 2011 e 2017), Giulia Zanderighi (directora do Novel Computational Techniques in Particle Phenomenology Laboratory  do Max Planck Institute fur Physics, Munich).  Francis Halzen (iniciador das colaboracións científicas AMANDA e IceCube no Polo sur) e Larry McLerran (director do Institute for Nuclear Theory de Seattle) asistiron en remoto.

O director do IGFAE Carlos A. Salgado durante a presentación de benvida. Crédito: Elena Mora (IGFAE).

A reunión comezou onte cunha presentación do director do IGFAE Carlos A. Salgado, quen deu conta dos fitos científicos destacados do centro durante o último ano, as novas incorporacións, a actividade dos grupos de traballo e a próxima reforma do instituto. A xornada continuou con reunións entre o comité e o persoal predoutoral, posdoutoral e junior, onde se analizou o ambiente de traballo e perspectivas científicas e de formación destas etapas iniciais da carreira investigadora, seguida da presentación dos cinco programas científicos non avaliados na visita de 2021: teoría de cordas e campos relacionados; raios cósmicos e neutrinos extremadamente enerxéticos, ondas gravitacionais, física nuclear e explotación do Laboratorio Laser para Aplicacións e Aceleración de Partículas (L2A2).

A visita finalizou hoxe cunha reunión dos membros do comité coa Xunta de Goberno á que acudiron por parte da Universidade de Santiago de Compostela o reitor Antonio López, o vicerreitor de investigación e innovación Vicente Pérez Muñuzuri e o profesor Máximo Pló Casaus; por parte da Xunta, a subdirectora xeral de promoción científica e tecnolóxica universitaria Mª Jesús Tallón Nieto. Estas avaliacións externas son claves para o modelo de funcionamento do IGFAE e as recomendacións do comité servirán para adecuar os obxectivos e prioridades do centro nos próximos anos.

 

Imaxe  principal: Paolo Giubellino, Gabriela González, Carlos A. Salgado, Giulia Zanderighi e Barbara Erazmus. Crédito: Elena Mora (IGFAE).