A comunidade científica galega dá pulo á esta xornada “ponte” entre a cultura científica e a sociedade o vindeiro 30 de setembro cun diverso programa integrado por relatorios e obradoiros de divulgación científica. O IGFAE participa cun obradorio de detección de raios cósmicos

A Noite europea das persoas investigadoras ‘G- Night’ desenvolverase o venres 30 nas cidades galegas baixo o lema ‘Conciencias creativas’ coa vontade de levar a ciencia ás rúas. No caso da USC, decenas de obradoiros de divulgación científca e relatorios diversos ateigarán o claustro do Colexio de Fonseca en Compostela, así como o Vello Cárcere de Lugo. O IGFAE participará nesta xornada cun obradoiro científico para todos os públicos.

Descubrindo a radiación

O IGFAE achegará o mundo dos raios cósmicos, que son as partículas subatómicas moi enerxéticas que chegan dende o espazo e bombardean constantemente a Terra dende todas as direccións, utilizando dous tipos de detectores sinxelos e portátiles. A cidadanía poderá visualizar en tempo real as súas pegadas, identificar que tipo de partículas son e a súas características. O obradoiro terá lugar a partir das 18.00 horas no Claustro de Fonseca.

Tamén no mesmo espazo se desenvolverán as actividades do resto de centros singulares da USC: o CiMUS, o CiQUS, o CiTIUS e o CRETUS, e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que tamén participa a Universidade. Os relatorios CITMAga, do que a USC é integrante, se celebrarán no Salón de Graos do Colexio San Xerome.

“A Gnight é unha iniciativa europea que se desenvolve de xeito simultáneo en toda Europa”, explica o coordinador da iniciativa en Compostela e profesor da USC, José A. Costoya. “Queremos conectar a cultura científica co resto da sociedade, ser unha especie de ponte”, engade para logo subliñar que esta é unha iniciativa na que está involucrada o conxunto da comunidade científica galega.

Esta iniciativa está organizada dentro do programa marco H2020 a través das Marie Sklodowska-Curie actions (MSCA).

Para máis información: gnight.gal