• O vindeiro 20 de novembro, sábado, os centros da Rede de Centros Singulares de Investigación (CiQUS, CiTIUS, CiMUS e IGFAE) abren as súas portas para amosar os espazos, proxectos e experimentos máis singulares e punteiros, así como conversar con parte do seu persoal investigador
  • Unha oportunidade para promover vocacións científicas entre os máis novos e aproximar ó conxunto da sociedade o día a día da actividade investigadora
  • A quinta edición desta xornada, en formato mixto (presencial-online), vén precedida por unha excelente resposta de participación e colaboracións con centros educativos e outras entidades de influencia
  • As inscricións xa están abertas na web de Ciencia Singular: https://cienciasingular.usc.es/

A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) de química, física, tecnoloxías intelixentes e medicina molecular abren as súas portas o vindeiro día 20 para amosar o máis destacado da súa actividade investigadora. O IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes e o CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) ofrecerán a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científico e científica por un día nesta xornada aberta á sociedade na que os participantes terán ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento.

Charlas divulgativas

O programa do IGFAE ofrecerá distintas charlas divulgativas de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa que abordarán desde a orixe do universo ata a recente detección de ondas gravitacionais, pasando polo nacemento da física nuclear e o descubrimento de partículas en aceleradores como o CERN; charlas que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do IGFAE para quen non poida achegarse ao centro.

Os científicos do CiQUS abrirán as portas dos seus laboratorios para manter encontros de proximidade cos asistentes. Durante a actividade “Conversas cos nosos investigadores” Diego Peña, María Tomás, Moisés Gulías, Rebeca García, Francisco Rivadulla, Ester Polo, Eddy Sotelo e Manuel Ortuño permitirannos coñecer de preto o traballo que desenvolven habitualmente no centro e os últimos avances nos seus respectivos campos.

O programa do CiMUS contempla entre as súas accións charlas divulgativas sobre as claves do xigantismo e novas abordaxes da man de Clara Álvarez; permitirá saber, grazas a Ángel Carracedo, que é e por que é importante a medicina personalizada; Fernando Domínguez responderá á pregunta de se o cancro é unha enfermidade hereditaria; e descubrir por que durmimos, da man de Olga Barca, pudendo seguirse tanto de maneira presencial, en directo, como por streaming a través da súa canle de Youtube.

Pola súa banda, o CiTIUS acollerá ao longo do día distintas conferencias que achegarán a investigación desenvolvida no centro a tódolos públicos, incluíndo temáticas como a relación entre a Intelixencia Artificial, as imaxes e a saúde (María José Carreira), o agrupamento automático de condicións hidrográficas nas rías galegas (David Losada), a reflexión sobre o final dunha era coa chegada dos supercomputadores ‘Exascale’ (Juan Carlos Pichel) ou a importancia crucial do desenvolvemento de chips (Paula López).

Científic@ por un día

Os obradoiros e demostracións do IGFAE permitirán coñecer de forma práctica como funcionan as súas instalacións científicas. Para os máis pequenos, o IGFAE desenvolverá un obradoiro no que experimentarán a gravidade no espazo interterestelar e aprenderán conceptos como o espazo-tempo co videoxogo desenvolvido no centro “Einstein Rocket”. Os asistentes máis maiores construirán os seus propios detectores con pezas de Lego e observarán con cámaras de néboa as partículas cósmicas que bombardean constantemente a Terra. O programa da xornada complétase cunha exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos dos elementos químicos en tres dimensións.

Xogando coa química é a acción do CiQUS dirixida ós máis pequenos da casa mediante obradoiros nos que poderán descubrir a química dos polímeros ou a importancia que teñen os cambios de cor na Química. Tamén poderán observar diversos fenómenos luminiscentes e entender como suceden; ademais de realizar coas súas propias mans algúns dos experimentos máis divertidos. Por outro lado, na aventura Infiltrados no Laboratorio, os asistentes coñecerán de primeira man o emprego de técnicas habituais e o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

Aprender a elaborar un dentífrico natural ou saber máis do pH co que nos conta a lombarda será posible grazas ós obradoiros de Ciencia Divertida que ofrece o CiMUS. Para os máis maiores ofrecerá obradoiros de divulgación sobre ilusións sensoriais, plaquetas “Dr. Jeckyll & Mr. Hyde” ou autopistas da vida do sistema vascular; e haberá ocasión tamén para cargar mostras en xeles de agarosa ou de lévados.  Para os visitantes máis curiosos que queiran coñecer por dentro o traballo de campo, o CiMUS permitirá entrar na plataforma Innopharma dedicada ó descubrimento temperán de fármacos, ademais de contar cun tour virtual para achegar as súas instalacións.

A principal novidade do CiTIUS nesta quinta edición de Ciencia Singular será a súa aposta polo aliñamento dos demostradores da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Baixo esta premisa, o encontro amosará de que xeito a investigación do CiTIUS está a contribuír co plan mestre, guiadas polo persoal do centro a través de múltiples eidos: dende o desenvolvemento de técnicas que promovan unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente, ata a presentación de algoritmos de detección e seguimento automático de obxectos, pasando polo deseño de máquinas que entenden a linguaxe humana, ou como integrar unha IA nun circuíto integrado. A visita servirá tamén para achegarse á robótica programando un robot, manexando un brazo robótico como os que se empregan na industria, ou competindo contra un coche de Scalextric dotado dunha Intelixencia Artificial.

Excelencia científica

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e a Xunta de Galicia. Foi creado en 1999 para coordinar a investigación co Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), en Xenebra, e na actualidade traballa e colabora coas infraestruturas científicas más importantes do mundo como GSI/FAIR en Alemaña, o Observatorio Pierre Auger en Arxentina ou LIGO en Estados Unidos. En 2017 o IGFAE foi acreditado polo goberno como “Unidade de Excelencia María de Maeztu”, único centro con esta distinción en Galicia, e en 2019 tamén foi recoñecido como Centro Singular de Investigación de Galicia, recibindo a maior dotación económica dos oito centros do CIGUS, a rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego.

O CiQUS é un centro singular de investigación multidisciplinar da USC, que comezou a súa actividade no 2011, e ten como misión desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento, e formar a novas xeracións de científicos e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Con iso preténdese contribuír ao progreso socioeconómico da contorna, e ao prestixio da USC e de Galicia. As investigacións que se levan a cabo no centro abordan retos científicos que abarcan desde o ámbito da biomedicina e da saúde, ao desenvolvemento de tecnoloxías transformadoras e sostibles ou o descubrimento de novos materiais moleculares funcionáis.

O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) ten como obxectivo promover o desenvolvemento da investigación interdisciplinar no campo das ciencias biomédicas, a través da interacción e a colaboración interna e con grupos nacionais e internacionais de relevancia. Como resultado deste esforzo, no centro alóxanse distintos grupos cun gran potencial en investigación básica e outros cun compoñente máis traslacional, que son altamente recoñecidos nos seus campos. A nosa actividade científica céntrase na prevención, o coñecemento e o tratamento de enfermidades crónicas nas áreas de Cancro, Endocrinoloxía e Nutrición, Cardiovascular e Neurociencias, Xenética e bioinformática, Nanomedicina e descubrimento de fármacos.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) traballa no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías que, nos sucesivos niveis de abstracción que van dende o físico ao cognitivo, poidan integrar as capacidades da Intelixencia Artificial na resolución de problemas cada vez máis complexos.O CiTIUS busca situar a tecnoloxía ao servizo das persoas, nun contexto no que a transparencia e a confianza cobran cada vez máis importancia. Entre os seus ámbitos de aplicación atópanse a saúde, a industria, a seguridade civil e o medio ambiente. No CiTIUS traballan actualmente máis de 100 investigadores.