Os centros de investigación da USC IGFAE, CiQUS e CiMUS celebran conxuntamente unha nova edición do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia apostando polo teatro e en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura. Nesta ocasión, o próximo 11 de febreiro traen a Compostela o bio-musical científico CHRISTIANE, a obra escénica homenaxe en vida á figura da recoñecida investigadora Christiane Dosne Pasqualini, co obxectivo de visibilizar referentes femininos que, co seu exemplo, poidan servir de inspiración para os máis novos e contribuír a promover a ciencia como carreira profesional.
Nada en Francia, Christiane Dosne Pasqualini medrou en Canadá e con 22 anos chegou a Buenos Aires para traballar xunto ao Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía (1947), Bernardo Houssay, onde se dedicou con paixón á busca das causas do cancro, especialmente da leucemia. Foi ademais a primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina de Arxentina. A través desta peza, creada e interpretada pola súa neta Belén Pasqualini, o IGFAE, o CiMUS e CiQUS achegan as claves de Christiane, muller, esposa, nai e científica, ademáis de figura singular e de vangarda, quen cumpre 102 anos o 9 de febreiro.
A obra de teatro representarase o vindeiro 11 de febreiro, venres, no auditorio ‘Xosé Neira Vilas’ da Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Está destinada exclusivamente aos centros de ensino, fundamentalmente a alumnado de 3º e 4º ESO e Bacharelato. Terán lugar dúas sesións, as 10:00 e 12:00, cunha duración aproximada dunha hora. A inscrición previa é gratuíta e atenderase por rigorosa orde de chegada ata completar aforo na web da Cidade da Cultura.
Homenaxe ás investigadoras
O espectáculo teatral CHRISTIANE. Un bio-musical científico achéganos á súa vida levada ás táboas e ao piano pola súa neta, a soprano e actriz Belén Pasqualini, quen con este proxecto homenaxea a figura da súa avoa, pero tamén a de tantas outras mulleres invisibilizadas en laboratorios e universidades de todo o mundo. O musical conta cun intenso percorrido por países como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Panamá, México ou os Estados Unidos. Foi recoñecido en 2017 con tres premios Hugo ao Teatro Musical: Mellor Espectáculo Musical Arxentino, Mellores Letras de Musical Arxentino e Mellor Libro de Musical Arxentino, optando ademais ese mesmo ano aos premios María Guerrero.