Belén Carla Merino Pazos, alumna do segundo curso do Bacharelato Internacional no IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, resultou gañadora dos premios de investigación STEMbach, organizados por primeira vez no curso 2023-2024 pola Xunta de Galicia. O seu proxecto de investigación Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie, estivo coordinado pola investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) Cristina Cabo Landeira, e titorizado polo director do Departamento de Física e Química do centro educativo compostelán, Enrique Cao Rodríguez.
O traballo de Belén Merino foi un dos tres galardoados neste certame, que recoñecen os proxectos desenvolvidos polo alumnado de STEMbach e colaboración con cada unha das universidades galegas (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo). Para chegar á fase final, xunto a outros oito proxectos, foi seleccionado entre máis de sesenta traballos presentados por estudantes de toda Galicia. Neste encontro, celebrado o pasado 2 de xullo na Cidade da Cultura, Belén tivo que presentar e defender o seu traballo diante dun xurado formado por persoal investigador da USC, UDC e UVigo e responsables dos departamentos de Educación e Ciencia da Xunta de Galicia. Xunto ao resto das premiadas, todas mozas, Belén Merino participará en xaneiro de 2025 no evento de ciencia e tecnoloxía SCIFest, que terá lugar en Dublín (Irlanda).
Os premios de investigación STEMbach naceron no pasado curso coa finalidade de impulsar a formación STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e as habilidades científico-tecnolóxicas, en especial no tratamento de datos e na incorporación da intelixencia artificial á sociedade, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos. Todos os proxectos realizaron prácticas para coñecer as aplicacións reais da ciencia e a técnica, así como adquirir unha formación actualizada e autónoma que lles estimule para os futuros estudos universitarios.
EduLab
O apoio do persoal do IGFAE ao alumnado preuniversitario enmárcase no programa EduLab do Instituto, que desde hai anos estableceu un foro de intercambio coa comunidade educativa, poñendo en marcha novos proxectos colaborativos para fomentar vocacións científicas nesta etapa formativa. Desta maneira, desenvólvense propostas innovadoras, atractivas e estimulantes para alumnado e profesorado, achegando ás aulas os temas científicos relacionados coa Física, especialmente os relacionados coas áreas de investigación de IGFAE.
Entre eles destácase o Proxecto MEDRA, coordinado pola investigadora Cristina Cabo, que se desenvolveu durante os dous últimos cursos escolares en centros educativos de Galicia. Decenas de estudantes de secundaria e bacharelato puideron desfrutar da súa primeira experiencia investigadora en física de partículas, grazas ao uso dos Minipix, detectores híbridos de última xeración desenvolvidos polo CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).