O 11th International Conference on Direct Reaction with Exotic Beams (DREB2022) botou a andar este luns na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e a Xunta de Galicia, durante toda a semana ao redor de 150 especialistas de todo o mundo reúnense neste foro para presentar as últimas investigacións das reaccións nucleares con núcleos exóticos. Inestables e cunha vida moi curta, denomínanse así porque non poden atoparse de forma natural na Terra e ademais son difíciles de producir experimentalmente. As novas infraestruturas científicas con feixes de ións radioactivos xunto co desenvolvemento de métodos teóricos avanzados e simulacións informáticas de alto rendemento serán algunhas das cuestións craves que se abordarán neste foro.

Aplicacións noutras áreas da ciencia

Sintetizáronse máis de 3.000 núcleos atómicos diferentes nos laboratorios, pero só representan unha parte de todas as especies nucleares posibles que se espera que existan na natureza. Estudar os núcleos exóticos non só proporcionan respostas a preguntas científicas fundamentais sobre a orixe dos elementos, senón que as súas aplicacións son relevantes en múltiples áreas: xeración de enerxía con baixas emisións de carbono, diagnóstico e tratamento médico, análise para estudos ambientais, enxeñería, biomédicos, xeolóxicos, culturais… etc.

Web do congreso DREB2022: https://indico.cern.ch/event/812362/

Imaxes: crédito Elena Mora (IGFAE)

  • María José García Borge e Dolores Cortina, profesora de investigación do Instituto de Estructura de la Materia del CSIC e investigadora do IGFAE, respectivamente, e ambas as dúas presidentas do comité local do DREB2022.
  • A profesora Rituparna Kanungo do Saint Mary’s University, keynote speaker do DREB2022 abrindo a primeira sesión do congreso.
  • Poster do congreso DREB2022.