Database Search
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

V Edición 2022

A Semana da Ciencia é o evento divulgativo máis importante do IGFAE. Cada ano desde 2018 o instituto organiza un programa de actividades para todos os públicos coa finalidade de espertar curiosidade pola física e visibilizar a ciencia de excelencia á sociedade.

  • Datas
    Do 19 ao 24 de novembro

A quinta edición da Semana da Ciencia do IGFAE tivo como protagonista a Rolf Dieter Heuer, director xeral do CERN entre 2009 e 2015. Heuer era a máxima autoridade na organización cando se anunciou a histórica detección do bosón de Higgs, en 2012.

A Semana da Ciencia, que se iniciou coa xornada de portas abertas Ciencia Singular, contou tamén coa tradicional edición da NerdNite. Rolf Heuer foi un dos relatores, coa charla We knew we had it’, xunto ao profesor da USC e investigador do IGFAE, José Edelstein (‘O segredo está na masa’), e Pier Paolo Giardino, investigador distinguido do IGFAE, (‘O bosón de Higgs, unha luz na escuridade’).

Programa

02
NerdNite
arrow-right

O décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs foi a temática arredor da que xirará a vindeira Nerd Nite, que o mércores, 23 de novembro, regresa logo do parón obrigado por mor da pandemia. Rolf Heuer, director xeral do CERN de 2009 a 2015, será un dos relatores que integrarán o programa desta sesión que se artella en base a pequenas charlas científicas onde especialistas dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno.

Ademais de Rolf Heuer, quen pronunciará o relatorio ‘Sabía que o tiñamos (We knew we had it)’, intervirán na Nerd Nite o profesor da USC e investigador do IGFAE, José Edelstein, e Pier Paolo Giardino, investigador distinguido do IGFAE. ‘O segredo está na masa’ é o título da intervención do profesor Edelstein; mentres que Giardino disertará sobre ‘O bosón de Higgs, unha luz na escuridade’. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo. O coordinador das Nerd Nites é o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez.

As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno. Desta volta, a sesión enmárcase dentro das actividades programadas co gallo da Semana da Ciencia do IGFAE. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.

03
Conferencia de Rolf Heuer
arrow-right

Rolf-Dieter Heuer, director do CERN entre 2009 e 2015, foi o protagonista da 5ª Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O físico alemán impartiu unha charla de divulgación sobre o bosón de Higgs, a partícula que supuxo un fito na historia da ciencia e acaparou a atención de todos os medios de comunicación e a sociedade hai agora unha década.

O descubrimento do bosón de Higgs non foi o final dunha longa viaxe, senón que é o comezo da exploración dun novo terreo. Que ten de especial esta misteriosa partícula? É realmente o bosón de Higgs o que detectamos? Que temos que investigar despois do descubrimento e como nos axuda esta partícula na nosa comprensión do universo primitivo? Por que o bosón atrae tanto a atención de científicos e público no experto? A charla abordará estas cuestións e tamén analizará os apaixonantes anos de investigación que nos esperan.

Sobre Rolf Heuer

Rolf-Dieter Heuer (Göppingen, Alemaña, 1948) estudou física na Universidade de Stuttgart e doutorouse na Universidade de Heidelberg. De 1978 a 1983, foi físico investigador na Universidade de Heidelberg, traballando no anel de almacenamento de electróns-positróns PETRA como membro da colaboración JADE. De 1984 a 1998, foi membro do CERN, traballando para a colaboración OPAL no Gran Colisionador de Electróns e Positróns (LEP). Desde 1994, foi o voceiro da colaboración.

Gran parte da súa carreira estivo relacionada coa construción e o funcionamento de grandes sistemas de detectores de partículas para estudar colisións electrón-positrón. Ao deixar o CERN en 1998, asumiu unha cátedra na Universidade de Hamburgo, onde estableceu un grupo que traballa na preparación de experimentos nun posible futuro colisionador lineal de electróns e positrones. Ao asumir o seu nomeamento como director de investigación de física de partículas e astropartículas no DESY en 2004, Heuer foi responsable da investigación no acelerador HERA, a participación do DESY no LHC e a I+D para un futuro colisionador de electróns e positróns. En 2009 substituíu a Robert Aymar como director xeral do CERN, asumindo o cargo ata 2015, cando foi sucedido por Fabiola Gianotti.