Database Search
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

09.06.2026

O IGFAE convoca as Bolsas de Verán 2026 para alumnado de grao universitario

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, convoca de novo neste 2026 o seu programa de Bolsas de Verán.

O obxectivo destas bolsas é achegar á investigación ao alumnado de grao universitario de todo o  mundo, atraendo  estudantes de alto nivel que teñan interese en desenvolver prácticas extracurriculares no marco dun proxecto científico.

As persoas seleccionadas integraranse na actividade cotiá do IGFAE, acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu pola Axencia Estatal de Investigación, e membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que recoñece a calidade e impacto da súa investigación.

As solicitudes poderán dirixirse a calquera das áreas de traballo do centro, como son a física de partículas, astropartículas e nuclear ou a ciencia e tecnoloxía cuánticas. Tamén se reservan bolsas dirixidas a perfís doutras áreas de coñecemento, que se integrarán na unidade de xestión, e labores de comunicación ou divulgación.

O prazo de solicitudes iniciarase o 10 de xuño de 2026, e estará aberto ata o 16 de xuño ás 23.59 (CEST).

Ligazóns:

Convócanse un mínimo de 6 prazas, nas seguintes condicións:

  1. Estar cursando un dos dous últimos anos de calquera grao no Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) ou calquera outro sistema universitario (polo menos o 55% dos créditos da titulación superados).
  2. A nota media do expediente académico debe ser igual ou superior a 8 puntos sobre base 10, debendo ter superado polo menos o 55 % dos créditos da titulación.
  3. Os criterios de selección e adxudicación establécense sobre unha puntuación máxima de 10 puntos: o 70% da valoración será o expediente académico; un 20%, polo currículo (publicacións, premios e formación relacionada coa bolsa); e un 10%, pola expresión de interese formulada na carta de presentación.
  4. As prácticas desenvolveranse durante un mes, preferentemente do 1 ao 31 de xullo de 2026. A xornada será de 30 horas á semana, e o horario acordarase co persoal investigador responsable de cada proxecto.
  5. Resérvanse 5 bolsas para o alumnado que curse graos en Física, Enxeñarías, Matemáticas, Química ou titulacións equivalentes (graos FQEM) e 1 para alumnado doutras disciplinas.
  6. No caso de que non se concedan a bolsa reservada no punto anterior a persoas que non cursen graos FQEM, poderá concederse a alumnado que curse graos FQEM.
  7. O número de bolsas concedidas a persoas que non cursen graos FQEM, non poderá ser superior ao número de bolsas concedidas a persoas que cursen grados FQEM.
  8. A bolsa ten unha contía de 800 € brutos, á que se aplicarán as retencións correspondentes segundo a lexislación.
  9. A bolsa inclúe o aloxamento en cuarto individual nunha residencia do Sistema Universitario de Residencias da Universidade de Santiago de Compostela, ou alternativa equivalente.
  10. Ofrécense axudas de desprazamento para as persoas que residan fóra de Santiago de Compostela: ata 80 € para alumnado de Galicia; ata 500 € para alumnado de fóra de Galicia; e ata 2000 € para alumnado doutros países, de acordo cos prezos de mercado das viaxes e sempre que as posibilidades orzamentarias o permitan. As axudas deberán xustificarse con documentos que acrediten os gastos.
  11. Poderanse cubrir os custos derivados de calquera trámite relacionado coa obtención dos documentos que autoricen a estadía en España, o rexistro na Seguridade Social e obtención dunha conta bancaria válida para a percepción da axuda.
  12. Calquera custo debe de ser previamente comunicado e o seu reintegro está supeditado á aprobación da dirección do IGFAE.

Para máis información: jobs@igfae.gal

Sobre o IGFAE

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), é un centro de investigación creado en 1999 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Naceu co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Altas Enerxías, Astropartículas, Nuclear e Ciencia e Tecnoloxía Cuánticas. Acolle arredor de 140 persoas que participan en instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO, GSI/FAIR, GANIL ou Hyper Kamiokande, entre outras.

O centro foi acreditado en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

No eido formativo, o persoal do IGFAE, como parte do equipo docente e investigador da Facultade de Física da USC, titoriza na actualidade traballos de fin de grao e mestrado. Ademais, o centro impulsa todos os anos un programa de Bolsas de Verán para alumnado de grao, e tamén ofrece unha liña de contratos de iniciación á investigación, o que supón a oportunidade de achegarse á vida diaria dun centro de referencia en física de partículas. Na etapa de doutoramento, o Instituto acolle na actualidade a máis de 60 estudantes que desenvolven a súa tese.

O IGFAE é unha institución que ofrece igualdade de oportunidades e comprométese a aumentar a diversidade do seu persoal, polo que acolle con especial satisfacción as solicitudes de mulleres, minorías e persoas con discapacidade. O centro ofrece un horario flexible para conciliar a vida laboral e familiar.