O Libro de Honra da USC conta desde esta mañá cunha firma máis dun dos físicos de partículas máis importantes da actualidade. Rolf Heuer, exdirector xeral do CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear que opera o maior acelerador de partículas do mundo, visita por primeira vez Santiago de Compostela e Galicia estes días convidado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, centro mixto da USC e a Xunta de Galicia. Heuer foi recibido este mércores 23 no Colexio San Xerome polo director do IGFAE Carlos Salgado, o reitor da USC Antonio Lopez e o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri. A firma prodúcese un día antes da conferencia que pronunciará mañá xoves con motivo da V Semana da Ciencia do IGFAE e tratará sobre o décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs.
Heuer segue o ronsel de prestixiosos físicos e físicas que protagonizaron as Semanas da Ciencia anteriores como Gabriele Veneziano (pai da teoría de cordas), Lyn Evans (director do Large Hadron Collider), Gabriela Gonzalez (portavoz da colaboración LIGO cando se anunciou a detección de ondas gravitacionales) e Iván Martí Vidal (responsable do grupo que obtivo a polarización da luz do primeiro buraco negro fotografado, M87*). Pola mañá tamén mantivo un encontro co persoal do IGFAE no que puido coñecer as súas liñas estratéxicas de investigación e as colaboracións científicas internacionais, mostrando especial interese no experimento R3B do centro de investigación FAIR en Alemaña, o experimento LHCb do CERN en Xenebra ou os futuros experimentos de neutrinos DUNE en Estados Unidos e HyperKamiokande en Xapón.
A divulgación científica, motivo principal da súa visita
Na reunión Heuer tamén resaltou a importancia da divulgación científica e de achegar á sociedade os resultados de investigación, ademais de fomentar o interese pola física nos máis novos. Seguindo este compromiso, esta tarde ás 20:30h na nave de Vidán será un dos relatores que participará na NerdNite temática do bosón de Higgs coorganizada polo IGFAE, xunto aos investigadores José Edelstein e Pier Paolo Giardino.
O programa da súa visita pola V Semana da Ciencia do IGFAE complétase mañá cunha conferencia para público xeral sobre o décimo aniversario do descubrimento do bosón de Higgs. Heuer explicará algunha das claves e a importancia desta partícula fundamental para entender o universo primitivo. O evento terá lugar no auditorio Abanca (Rúa Preguntoiro, 23) ás 20:00h e a entrada é libre ata completar aforo, con reserva previa nesta ligazón (bit.ly/conferenciaheuerIGFAE). A conferencia será en inglés con tradución simultánea ao castelán.
Unha traxectoria dedicada aos aceleradores de partículas
Rolf-Dieter Heuer (Göppingen, Alemaña, 1948) estudou física na Universidade de Stuttgart e doutorouse na Universidade de Heidelberg. De 1978 a 1983, foi físico investigador na Universidade de Heidelberg, traballando no anel de almacenamento de electróns-positróns PETRA como membro da colaboración JADE. De 1984 a 1998, foi membro do CERN, traballando para a colaboración OPAL no Gran Colisionador de Electróns e Positróns (LEP). Dende 1994, foi o voceiro da colaboración.
Parte da súa carreira estivo relacionada coa construción e o funcionamento de grandes sistemas de detectores de partículas para estudar colisións electrón-positrón. Ao deixar o CERN en 1998, asumiu unha cátedra na Universidade de Hamburgo, onde estableceu un grupo que traballa na preparación de experimentos nun posible futuro colisionador lineal de electróns e positróns. Ao asumir o seu nomeamento como director de investigación de física de partículas e astropartículas no DESY en 2004, Heuer foi responsable da investigación no acelerador HERA, a participación do DESY no LHC e a I+D para un futuro colisionador de electróns e positróns. En 2009 substituíu a Robert Aymar como director xeral do CERN e en 2015 Fabiola Gianotti pasou a ser a directora ata a actualidade.