O director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) Carlos Salgado, e o director científico asociado, Abraham Gallas, acompañaron ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e ao vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, durante unha visita hoxe ao CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) en Xenebra (Suíza), o laboratorio de física de partículas máis grande e importante do mundo, onde se descubriu o bosón de Higgs en 2012.

España é desde 1983 un dos 22 estados membros desta colaboración internacional con máis de 2.600 traballadores contratados e 10.000 usuarios en total. No CERN traballan numerosos investigadores, enxeñeiros e técnicos de universidades españolas, así como unha comunidade galega considerable.

Un terzo do persoal investigador do IGFAE está vinculado ao CERN, xa sexa desenvolvendo alí parte da súa tese doutoral, realizando estancias de investigación ou traballando desde Santiago nalgunha das colaboracións científicas. Exemplo diso é a do experimento LHCb, da que o IGFAE é membro fundador e para a que construíu, entre outros, o Silicon Tracker, un centro Tier 2 para o procesamento de datos e o recente detector VELO.

A delegación foi recibida polo director de Investigación e Informática, Joachim Mnich, o xefe de Relacións cos Estados membros, Peter Chochula, a xefa do Departamento de Obras e Enxeñería Civil, Mar Capeáns, e o xefe do Grupo de Transferencia de Coñecemento, Giovanni Anelli. Tras unha presentación xeral do labor e iniciativas levadas a cabo no CERN, visitaron a sala de montaxe dos imáns supercondutores do LHC e o Centro de Datos e Iniciativa Cuántica. O percorrido continuou nas instalacións do experimento LHCb da man do seu portavoz, Chris Parkes, e finalizou cun encontro organizado con representantes da comunidade galega traballando actualmente no CERN.

Esta visita contribúe a visibilizar o papel do IGFAE como axente clave na creación de toda unha xeración de talento galego que tras formarse en Santiago continúa a súa carreira vinculada co CERN en distintas áreas, xa sexa investigación, enxeñería ou outros perfís técnicos, o que demostra o excelente desempeño científico e posicionamento do Instituto dentro duhna das colaboracións científicas experimentais máis importantes do mundo.

Promovendo a física de altas enerxías en Galicia dende 1999

O 27 de maio de 1999, vinte anos despois de empezar as primeiras actividades no campo de física de altas enerxías na universidade, a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia asinaron o convenio de creación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Os seus dous principais obxectivos estratéxicos foron, por unha banda, ser un axente activo na planificación das grandes infraestruturas científicas no campo da Física de Altas Enerxías (naquel momento, o CERN) e, polo outra, promover o desenvolvemento do tecido empresarial galego e español grazas aos retos que supón participar na súa construción e mantemento, aproveitando as oportunidades de negocio para mellorar o retorno industrial.

Imaxe da portada: comitiva durante a visita ao CERN. Imaxe inferior: a física compostelá Mar Capeáns, investigadora no CERN e xefa do Departamento de Obras e Enxeñería Civil, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Crédito: Marina Cavazza (CERN).