O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) na USC recibiu a visita do seu Comité Científico Asesor.

Onte, xoves 7 de marzo, e hoxe reúnese en Santiago o Comité Científico Asesor do IGFAE. Cinco membros do CCA do IGFAE avalían desde onte a estratexia científica e a calidade da investigación que se realiza na única Unidade de Excelencia María de Maeztu acreditada en Galicia. Estas rigorosas e esixentes avaliacións externas constitúen a pedra angular sobre o que se constrúe o modelo de funcionamento do IGFAE, instituto mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. As recomendacións do comité serán incluídas na definición estratéxica e nas prioridades para os próximos anos.

Con experiencia na dirección de algún dos máis importantes centros de investigación do mundo, a comitiva estivo formada por Sergio Bertolucci (Director Científico e de Computación do CERN entre 2009 e 2015), Paolo Giubellino (director das infraestruturas GSI e FAIR en Darmstadt), Gabriela González (voceira do experimento LIGO entre 2011 e 2017, incluíndo logo o momento do descubrimento das ondas gravitacionais), Franzis Halzen (iniciador das colaboracións científicas AMANDA e IceCube no Polo Sur) e Larry McLerran (director do Institute for Nuclear Theory the Seattle). Non puideron asistir nesta ocasión Barbara Erazmus (presidenta do High Energy Physics Board da European Physical Society), Giulia Zanderighi (directora do Novel Computational Techniques in Particle Phenomenology Laboratory do Max Planck Institute for Physics, Munich).

O programa inclúe reunións con todo o persoal investigador implicado en cada un dos oito programas de investigación que se desenvolven organizados en tres áreas estratéxicas: “O Modelo Estándar ata os límites”, “Partículas cósmicas e física fundamental” e “Física nuclear, desde o laboratorio ata a mellora da saúde das persoas” para avaliar a adecuación á planificación estratéxica da Unidade, a calidade da investigación realizada e a identificación de oportunidades de reorientación, potenciación, apertura ou peche de cada actividade da investigación. O CCA visitará tamén os espazos que ocupa o IGFAE nos distintos bloques da Facultade de Física e o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións (L2A2) da USC para avaliar a adecuación dos recursos dispoñibles aos seus obxectivos.

A visita remata hoxe cunha reunión e almorzo dos membros do comité coa Xunta de Goberno, incluíndo a Conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, o reitor da USC e o vicerreitor de investigación, o Secretario Xeral Universidades, a Subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria e outros membros da Xunta de Goberno.