A conferencia do profesor do MIT Krishna Rajagopal, celebrada no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela o pasado mércores 15 de novembro, pechou a VI Edición da Semana da Ciencia do IGFAE. Nesta ocasión, o evento conmemorou o 50º aniversario dun dos últimos grandes fitos da física de partículas: o descubrimento da liberdade asintótica, postulada por David Gross, Frank Wilczek (mentor de Krishna Rajagopal) e David Politzer no ano 1973, e que lles valeu o Premio Nobel de Física en 2004.
Arredor de 300 persoas, moitas delas alumnado de Física da USC, puideron desfrutar da charla ’50 anos da liberdade dos quarks: da sopa do Big Bang aos protóns e viceversa’, na que Rajagopal fixo un percorrido polo estudo dos quarks e a súa interacción cos gluóns, o ‘pegamento’ une as partículas máis elementais, desde os primeiros instantes do Big Bang ata a recreación destas condicións nos aceleradores de partículas máis potentes da actualidade.
Xusto o día anterior, Krishna Rajagopal tamén asistiu como público á NerdNite celebrada na Nave de Vidán. Como en anteriores edicións, este evento de divulgación organizado polo catedrático de Electromagnetismo Jorge Mira dedica unha das súas sesións anuais aos temas que se abordan na Semana da Ciencia do IGFAE. Así, o martes 14 de novembro, Jose Edelstein, Clara Landesa e Carlos Salgado ofreceron cadansúa charla sobre a liberdade asintótica e sobre o achado dos bosóns W e Z, que tamén estaban de ‘aniversario’ xa que en 2023 se cumpren 40 anos deste fito, acadado no CERN.
Cinco actividades para achegar a ciencia á sociedade
O mércores 9, a VI Edición da Semana da Ciencia comezou cunha nova entrega de ‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’, que tivo como protagonista a Alan Sokal. O físico estadounidense é coñecido por desencadear en 1996 un profundo debate académico; protagonizou o ‘Escándalo Sokal’, co que evidenciou a falta de rigor intelectual en algúns sectores da academia, ao redactar un artigo cheo de conceptos grandilocuentes, pero sen sentido, no que sostiña que a gravidade cuántica non é máis ca un constructo social e lingüístico.
O venres 10, o IGFAE acolleu a I Reunión do Proxecto MEDRA, unha iniciativa do EduLab do IGFAE, ofrece ao alumnado de bacharelato de centros educativos de Galicia a súa primeira experiencia investigadora en física nuclear de partículas.
O alumnado e profesorado participantes na primeira edición desta iniciativa presentaron os seus traballos. O acto serviu tamén para lanzar a convocatoria da segunda edición do proxecto, que terá lugar no presente curso académico, e cuxo prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 30 de novembro.
Un ano máis, a Semana da Ciencia tamén acolleu unha nova edición do IGFAE C3, o Concurso de Comunicación Científica que o centro leva celebrando desde 2018. O luns 13 anunciáronse os catro traballos gañadores nas súas respectivas categorías.